Sobre a lectura seguido de Días de lectura (tradución e limiar de Carlos Lema)
Editorial Trifolium, col. Musa pedestris, Oleiros, 182 páxs., 12 €
Hai xa algún tempo empregaba algúns fragmentos de Sobre a lectura, de Marcel Proust, que tiraba dunha antiga edición cubana, para iluminar algunhas reflexións que explicaban as razóns de peso para ler os clásicos, no seo duns saudosos encontros con cursillistas onde quen sempre máis aprendía era eu.
Desde agora aquela edición estará acompañada por estoutra, xa na nosa lingua, que chega da man da Editorial Trifolium, que non cesa de ofrecer sorpresas no panorama editorial pois así cómpre denominar esta iniciativa que posibilita o acceso a unha proposta clave e moi citada que reflexiona sobre a importancia da lectura, mais non só.
A tradución, coidada e fluída, chega da man de Carlos Lema, quen tamén se responsabiliza dun documentado e suxestivo limiar en que, alén de contextualizar estas pezas traducidas, abre numerosas vías de interpretación e asedio intelectual a estas propostas.
Non é doado salientar nunhas liñas o espírito global deste ensaio de Proust, por outra parte moi ben reflectido no limiar de Lema, mais alén do gozo que supón poder ler outra vez unha prosa dificilmente imitable e tan suxestiva, paréceme especialmente estimable o exercicio de evocación que realiza das súas primeiras lecturas, esas “amizades”, na infancia e na adolescencia, dito nas súas palabras: “o que deixan en nós é sobre todo a imaxe dos lugares e dos días nos que as fixemos”, para logo derivar en “recrear no seu espírito o acto psicolóxico orixinal chamado Lectura“.
Deixo aquí dúas notas sobre a lectura, que entendo de interese e que reflicten o espírito deste ensaio: “a lectura, ao contrario da conversa, consiste para cada un de nós en recibir comunicación doutro pensamento, mais sempre permanecendo en nós” e “a lectura é para nós a incitadora que coas súas chaves máxicas nos abre no fondal de nós mesmos a porta demoradas nas que non sabemos penetrar sós”. Apunto, para concluír, estoutra sobre o exercicio da crítica: “… a sagacidade do xuíz, a perspicacia do crítico, demóstrase sobre todo con obras novas, aínda non postas a proba polo público. Xulgar a primeira vista, adiviñar, velaquí a facultade crítica (…)”.
Libro, en fin, necesario para lectores e lectoras de todo tempo e lugar, imprescindible talvez para os que orientamos as nosas actividades cara a este eido.