Despois da medianoite, de Salma

 

Salma

Despois da medianoite (tradución de María Reimóndez)

Xerais, Vigo, 2011, 656 páxs., 23 €

Quen guste de inmiscirse e coñecer, mesmo emotivamente, a cerna dos  costumes e da idiosincrasia, as esperanzas e desesperanzas cotiás e vitais que alentan no espírito dunhas xentes, talvez de ficción, que poboan unha pequena vila india e musulmá, emprazada en Támil Nadu,  ten á forza que se achegar esta proposta.

         Nela constrúese un fresco vivísimo e cheo de plasticidade, tamén deseñado con crueza cando é preciso, de homes e mulleres que conviven cos altos muros que erguen os fundamentalismos de toda clase, mais faise axotando os posibles estereotipos pois tamén se acollen eses trazos que nos igualan a todos como seres humanos. E Salma deseña este universo cunha vontade hiperrealista, deténdose nos pequenos detalles da vida cotiá e debruzándose, con efectividade literaria, sobre asuntos que se consideran tabús na sociedade india: o propio corpo, a sexualidade ou a crítica á relixiosidade.

      No fondo, Salma foi tecendo un tapiz no que ficase constancia dunha vontade reivindicativa á busca teimosa da liberdade nun contexto ofegante  para trazar unha fermosa e dura metáfora sobre a opresión de todo tipo (patriarcal, política, económica, relixiosa, social…) que se exerce sen miramentos contra os máis febles. Unha sorte poder ler unha novela coma esta: vai directamente ao cerebro, mais tamén ao corazón.

 

Baixo o título de “Á busca da liberdade” esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 11 de xuño de 2011.