Salma: "Sen lectura e sen escrita non podería soportar a miña vida"

 

Salma (Thuvarankurichi, 1970) comezou escribindo e difundindo poesía a través dun pseudónimo literario que agochase a súa identidade real,  aínda que hoxe segue a empregalo. Nesta conversa, que mantivemos mercé á ONG Implicadas no Desenvolvemento, que a trouxo a Galicia, a Edicións Xerais que publica o seu libro e a María Reimóndez, a súa tradutora e amable intérprete nesta entrevista, desvela algunhas claves da súa novela Despois da medianoite, que ata hoxe só viu unha versión en malaialam – lingua do estado de Kerala, na India- e outra en inglés. A súa palabra permite asomarse ao universo cotián dunha comunidade musulmá rural a través dun coro heteroxéneo de voces femininas coas que se percorren algúns dos grandes temas da literatura de todos os tempos.

Seica a  lectura, e despois a propia escrita, lograron que rompese vostede cadeas. Por que?

-A lectura foi para min unha maneira de coñecer o mundo que había fóra da miña casa pois nesa época tiña que estar forzosamente recluída nela. Así puiden abrir o meu coñecemento á filosofía e a escritos políticos, e tamén me serviu para reflexionar sobre o grande que era o mundo e o pequena que era a miña vida e poder facerme preguntas sobre o sentido da vida.

Despois deste proceso, a escrita foi igualmente fundamental para poder expresar o meu coñecemento do mundo.  Sen lectura e sen escrita eu non podería soportar a miña vida pois vivía nunhas condicións de  moita opresión: ler era vivir, transformar os meus pensamentos.

A novela transparenta como desde o particular se chega ao universal…, foi este un proceso calculado?

-Para min tivo moita influencia a lectura de moitas obras traducidas á miña lingua doutras literaturas da India, mais tamén da literatura rusa, francesa, autores hispanoamericanos…  A través desas lecturas vía como había moitos temas que estaban presentes en todas elas: sentimentos, cuestións relativas coa vida…, temas cos que eu conectaba e que tentei transmitir nestas páxinas, mais é o público quen terá que dicilo.

A procura da liberdade, o devezo de xustiza, a crítica ao patriarcado, a presenza da muller sometida, os fundamentalismos reflectidos na novela…, son todos un?

-Para min o máis importante é o tema da liberdade e, concretamente, da supresión da liberdade, non só para as mulleres senón en xeral para o ser humano. É cando se vive nunha situación de supresión da liberdade cando agroman os grandes problemas. O poder político, relixioso, social e cultural tende sempre a controlar as persoas.

 Que expectativas deposita nesta edición do seu libro en lingua galega?

Axiña aparecerá tamén en alemán. Eu teño moita curiosidade por coñecer a recepción da novela, e as opinións que suscita ao ser o primeiro libro en támil vertido ao galego, porque para min esta tradución foi un proceso inesperado e sorprendente. En Támil Nadu, o meu país, este libro non tivo ningunha recensión favorable por cuestións de tipo político e patriarcal; mais a partir da tradución inglesa a novela comezou a obter algún recoñecemento e realmente devezo por saber como se vai entender esta historia, quen van ser os lectores e lectoras do libro e que opinións vai suscitar.  E non quero deixar de significar o meu agradecemento a María Reimóndez polo seu impagable labor.

 

Esta entrevista publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 11 de xuño de 2011, baixo o título de “Sen lectura e sen escrita non podería soportar a miña vida”.