O tempo é un círculo, de Menchu Lamas

 

Menchu Lamas

O tempo é un círculo

Área de Cultura e Animación Sociocultural do Concello de Vigo, 96 páxs., 2011, 12 €

 

Asistín, o pasado 9 de xuño, á moi literaria e festiva inauguración da exposición “O tempo é un círculo” de Menchu Lamas, comisariada por X.L. García Canido no espazo expositivo da Casa das Artes de Vigo, onde estará aberta ao público ata o día 10 de xullo.

   A exposición acompáñase dun orixinal e atractivo catálogo que posibilita o acceso visual á obra de Lamas a través de distintos estratos, operativos para reflectir os desemellantes bloques temáticos dunha exposición que abrangue unha parte substantiva da súa produción, atendendo ás obras de gran formato que naceron nun período que comprende os dous últimos decenios.

   Esta publicación, alén da presentación institucional, inclúe textos ensaísticos e interpretativos de X. L. García Canido e Miguel Cereceda, acompañados doutros de carácter literario subscritos por Manuel R. Romón,  Julián Hernández, Antón Reixa e Antón Patiño que se salfiren, aquí e acolá, con fragmentos-citas da propia Menchu Lamas recollidos de distintos soportes. Uns e outros textos, abofé, resultan de lectura obrigada pois serven para iluminar con pertinencia o que as paredes da Casa das Artes amosan, responden preguntas e formulan outras novas ao lector-visitante, alén de facilitar que un se  conduza con maior solvencia por todo este universo artístico tan atractivo que constrúe a pintora, desde as instancias da combinación da actividade intelectual coa artística,  alicerzándose en conceptos como a materia, a xeometría, a abstracción e a figuración, o simbolismo ou a cor e a identidade entre outros. Menchu Lamas retorna, en fin, á súa casa e convídanos a visitala.