Lois Pereiro. Breve encontro, de Jacobo Fernández Serrano

 

Jacobo Fernández Serrano

Lois Pereiro. Breve encontro

Edicións Xerais-Xunta de Galicia, Vigo, 2011, 160 páxs., 15 €

 

Esta bóla de neve que foi, e é, a celebración do Día das Letras dedicado a Lois Pereiro non deixa de ofrecer sorpresas. Unha delas é esta novela gráfica que subscribe Jacobo Fernández Serrano, baixo o título de Lois Pereiro. Breve encontro e subtitulada como “un achegamento comiqueiro á biografía e á obra do poeta”.

Teño para min que Fernández Serrano, responsable tanto do texto como da parte gráfica, realiza aquí un traballo a todas luces espléndido, inspirándose no coñecido poema de Lois Pereiro titulado precisamente “Breve encontro”, en que o poeta interpreta e retrata a esencia que nel ficou do visionado da película Brief Encounter de David Lean:

Sobrevoabas un día o meu espacio aéreo
rozándome coas plumas levemente
e desaparecerías cun rumor menguante
como a visión dun soño
fracasado”.

    Desde esta referencia de xinea cinematográfica, presente no título e mais na novela como elemento axial e estruturador dos contidos, vaise introducindo o lector nunha atractiva e sólida proposta que reinterpreta persoalmente a vida do autor de Conversa ultramarina. Para cumprir ese obxectivo aplica grandes doses de imaxinación, verismo e, cando cómpre, alicerza unha suxestiva e libérrima visión reservada a algúns capítulos inesperados e fantásticos. Baixo esta concepción poliédrica avanza unha revisión visual e textual que serpea, documentada e intelixente a un tempo, irónica nalgunhas ocasións, polas diversas etapas vitais de Lois Pereiro, mais tamén pola súa obra literaria, revisitando as claves que a dominan sen deixar de manter un diálogo fiel coa memoria da súa presenza e co herdo literario que legou. 

    Todo un acerto esta publicación, por orixinal, intensa e inmensamente atractiva. Moi recomendable sen ningún xénero de dúbidas.