A memoria e o esquecemento. O franquismo da provincia de Pontevedra, de Gonzalo Amoedo

 

Gonzalo Amoedo

A memoria e o esquecemento. O franquismo da provincia de Pontevedra (limiar de Dionisio Pereira)

Edicións Xerais, Vigo, 2011, 536 páxs., 23 €

 

Precedido dun acaído limiar de Dionisio Pereira publícase este voluminoso ensaio de Gonzalo Amoedo que analiza, incorporando unha inxente documentación, a presenza e evolución do franquismo na provincia de Pontevedra, na liña doutras achegas que foron, van e irán vendo a luz, neste caso adoptando un criterio referencial e delimitativo como é o ámbito provincial.

         O traballo resulta verdadeiramente meritorio pois así cómpre entender a análise de asuntos de corte histórico, máis ou menos recentes e que por iso remexen nos rescaldos da dor e da inxustiza de vítimas inocentes. As dimensións do ensaio requiren de seu un relevante investimento de esforzos e tempo á busca de información, para logo abordar o necesario contraste de datos e, finalmente,  expor e interpretar as conclusións ás que conducen o material obtido.

         O propio Gonzalo Amoedo, no preámbulo do libro, afirma que non procura a contestación dos descendentes daqueles que foron, dalgún xeito, ferramenta do franquismo, sobre todo no que eufemisticamente se chamou “poda de la mala hierba” senón, e moi polo contrario, deter esa sorte de “amnesia colectiva” que paira arredor das tres mil mortes violentas ocorridas na provincia de Pontevedra, moitas delas producidas despois de concluída a guerra; o obxectivo, máis ben, discorre polo camiño de facer saír á luz o que ocorreu, apuntando quen son ou foron as vítimas e quen os verdugos, tomándolle o pulso así a toda a sociedade daquel tempo convulso.

         Non é desprezable, tampouco, o espazo dedicado a ofrecer unha visión de carácter xeneralista dos fenómenos que facilitaron o acceso ao poder dos fascismos nos anos vinte e trinta do pasado século. O autor, asemade, entende que o escrito por el  non pertence ao ámbito histórico, senón que ofrece un libro de “memoria construída con paixón”; sexa como for, velaquí as razóns, por exemplo, da chegada da República ou as do estoupido da guerra civil, alén de todo o que ten que ver  cos integrantes do núcleo inicial da Falanxe pontevedresa, o papel que esta desenvolveu e a presenza dos seus membros nos cargos públicos ou en salientables actividades económicas tras a guerra civil.

         Especial interese revisten, ao meu ver, tanto o desasosegante capítulo dedicados á represión, coa revisión de casos particulares e arrepiantes como as actuacións dos tristemente famosos “escuadróns da morte” ou “brigadas do amencer”, como o que se detén na intelectualidade que se sumou aos golpistas…; é neste epígrafe onde se cita a Celso Emilio Ferreiro, entre outros, como adscrito á Falanxe. Entendo esta afirmación como inexacta,  pois non coñezo documento ningún que probe a súa filiación nin aínda menos a proximidade ideolóxica á Falanxe, cuxos membros destruíran a biblioteca da Federación de Mocidades en Celanova nunha queima “exemplar” dos seus fondos  no ano 1936. Que eu saiba só se suxire esta vinculación, sen achegar probas, nun libelo falsario e cheo de despropósitos publicado en 1989 por un tal J.L. Rodríguez Otero. Nunca, o autor de Longa noite de pedra, como confirma X.L. Méndez Ferrín nunha serie de artigos xornalísticos publicados hai algúns anos, pertenceu á Falanxe.

    Reformular ou matizar este punto sería importante porque unha afirmación deste xeito contribúe a propalar inexactitudes que logo se reiteran sen contrastar. Unha chata, ao meu ver, nun libro que sigo a considerar ben necesario e de grande utilidade.

 

 

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 18 de xuño de 2011, baixo o título de “No gume da memoria”.

 

 

Addenda et corrigenda (25 de xuño de 2011): Tras manter un diálogo con Gonzalo Amoedo, cómpre que rectifice algúns dos extremos da miña lectura no que se refire ao que entendía como inexactitudes presentes no seu libro. Estendereime sobre o tema no futuro, con todo vaian por diante as miñas desculpas públicas.