Acabo de saber, vía Lecturalia, da publicación en castelán dun libro que xa se considera como a continuación do célebre Indignádevos. Polo de agora, que eu saiba, este Engagez-vous!, subtitulado como Xa non abonda con se indignar, non conta con tradución ao galego e teño para min que sería magnífico podermos dispor dunha edición deste título na nosa lingua.
O libro é resultado dunha conversa co escritor e activista social Gilles Vanderpooten e nel afirma que “comprometerse significa abrirse ao mundo que nos rodea. Supón decidir, contra o determinismo histórico, que existe algunha cousa que inventar. É o contrario do derrotismo e da resignación”.
Segundo a nota de prensa, entre outros extremos, nestas páxinas avoga pola mobilización para acadar un mundo viable, alentando á mocidade a resistir diante das “cousas escandalosas” que ocorren nas sociedades contemporáneas. Un libro, está de máis afirmalo, como o foi Indignádevos, de extraordinaria actualidade e relevancia.