Dúas lecturas en homenaxe a Paco Martín

Celébrase o 25 de xuño unha merecida homenaxe a Paco Martín da man da AELG, co obxectivo de recoñecer a súa traxectoria literaria, no seo dos galardóns que instituíu con fortuna esta asociación baixo o nome de “O escritor na súa terra”. Súmome, desde aquí, a este xusto recoñecemento á figura dun dos nosos grandes autores da literatura infantil-xuvenil aínda que non só. Explicome: a súa bibliografía testemuña como tripou con teimosía e acerto os camiños da creación literaria para a infancia e mocidade,  sobre todo nun tempo no que esta era ben precaria e na que sobresae por dereito propio ese entrañable personaxe que é Ramón Lamote. Talvez estes éxitos situaron nun segundo plano esas outras incursións que o autor lucense realizou no ámbito da literatura especificamente para adultos e que, modestamente, me gustaría reinvindicar a través do rescate fragmentario  das reflexións que me suscitaron no seu día dous títulos do autor como son Dende a muralla, un magnífico libro que viu a luz en Edicións Xerais en 1990 e A bisneta lerchapublicado na editorial Galaxia en 2006.

  

Paco Martín

Dende a muralla

Edicións Xerais, Vigo, 1990, 120 páxs., 16,43 €

    O verdadeiro protagonista conxunto dos relatos non son os personaxes puntuais de cada narración, coa súa descrición atinada e coa súa peculiar etopea. Estes últimos son, máis ben, os instrumentos que o autor emprega para a dar coñecer o fío unificador dos relatos e o auténtico cerne do libro: Lugo. (…) Esta cidade reaparece maxistralmente na nosa narrativa como espazo vital delimitado, preciso e obxectivo: as rúas, os bares -os de hoxe e os de antano-, as xentes, o espírito que gravita sobre ela, aparecen descritos con axilidade.

   A frustración e sufrimentos dunha muller que relata en analepse toda a súa vida gris; o mundo dos cafés aos que une o universo do traballo e do abuso profesional; a análise do día a día no que non reparamos habitualmente; a diversión; a violencia enxendrada pola envexa, o sexo e o desexo; a ruindade de espíritos mesquiños; o medo ao ridículo; as hipocrisías do mundo adultos ou mesmo a recreación satírica sobre a pseudo-sabedoría baleira de contido que aparece en “Pegada” (…) son algúns dos temas que Paco Martín desenvolve co seu característico ton irónico e co hábil manexo de técnicas de guión cinematográfico. Todo isto nun libro onde a anécdota real, precisa e espontánea, fai agromar o relato e proporciona o engado de poder achegarnos  a unha xanela esperanzadora que convida a debruzarse nela e tentar  esquecer a melancolía e crueza da realidade da muralla, de todas as murallas.

 

Paco Martín

A bisneta lercha

Galaxia, Vigo, 2006, 128 páxs, 11,60 €

     (…) É neste último ámbito, no de relatos para lectores de máis idade, no que situamos A bisneta lercha (…): un monllo de catro coidados relatos onde nos máis deles o autor aplica un intelixente exercicio de reelaboración, ou subversión se se quer, verbo daqueles relatos que pairaban nas tradicións orais europeas e que logo foron reapropiados para a tradición contística infantil. (…)  Velaí como se recoñece con certa facilidade o modelo de “A Carapuchiña Vermella” de Perrault, de “O parrulo feo” de Andersen ou de “O gato con botas” dos irmáns Grimm, en tres dos relatos de Martín, devoltos ao lector actual a través dos títulos: “O parrulo”, “Félix” e “A rapaza que todos querían ben aínda que non a visen senón unha soa vez”, correspondentemente. En todos eles o filtro do politicamente correcto resulta por fin ausente e é substituído por un espírito crítico que dalgún xeito radiografa algunhas eivas da sociedade de arestora, que case son as sempre, axudándose da ironía, dunha imaxinación portentosa ou da axilidade no tratamento da materia narrativa, que resultan moi de agradecer. Mesmo Paco Martín non oculta desvelar as cartas do tratamento case “científico” co que opera ao incluír fragmentos explicativos e ou valorativos sobre o conto no derradeiro dos relatos. Con todo, o libro ábrese cun relato que non é estritamente debedor destas reelaboracións senón que se abeira a un ámbito simbólico: en “Perdición” a protagonista repara no mundo dos libros como abeiro ao decorrer da súa propia vida gris, con abondosas referencias aos motivos do relato de tradición oral, que resulta operativo, iso si, para nos mergullar no mundo que homenaxeará ou reelaborará posteriormente.
     Paco Martín manexa con habilidade e talento as técnicas compositivas e aquí non dubida en amosalas nas súas mellores dimensións exhibindo o peso da oralidade como medio fundamental de expresión, a estrutura milimetricamente calculada e esas características doses de fantasía e imaxinación que sempre o caracterizaron.