Noah Barleywater escapa da casa, de John Boyne

 

John Boyne

Noah Barleywater escapa da casa (tradución de Carlos Acevedo)

Faktoría K de Libros, Vigo, 224 páxs., 14 €

O fenómeno do “crossover” (non atopo unha tradución acaída e intelixible para o galego), isto é, libros que interesan por igual ao público máis novo coma ao adulto, escritos con aparente sinxeleza e abertos a distintos niveis de interpretación, non é en absoluto algo novo e o irlandés John Boyne volve tripar estes camiños, afastándose nesta ocasión da novela de pano de fondo histórico na que situara os seus éxitos anteriores: O neno do pixama a raias e mais Motín na Bounty.

         En Noah Barleywater escapa da casa, superado certo desconcerto inicial no que as taxonomías ás que os críticos estamos tan afeitos para pouco serven, axiña se desvelan outras tonalidades que van convertendo o que semella unha novela infantil, ou xuvenil, nunha proposta que se abre a novas expectativas, internándose polos vieiros que caracterizan a súa anterior obra narrativa como son a presentación dunha voz narrativa sinxela e fluída (como peneirada unha e outra vez na procura da expresión máis concentrada e esencial); o estudado, e compartido, protagonismo entre un neno e unha persoa maior que resulta operativo para darlle forma á dicotomía experiencia-inexperiencia ou a creación desa atmosfera de complexa explicación, con fronteiras sempre esvaecidas, que mestura o fantástico e o máxico co verosímil, entretecendo as sorpresas pracenteiras que depara a vida con aqueloutras que non agachan a súa faciana máis crúa como é a morte de seres queridos. 

         O lector, segundo a idade, experiencias lectoras ou formación ha seguir o fío das aventuras dun neno que  no lapso dun día foxe da súa casa por razóns que van sendo previsibles mais que se ve inmerso nun labirinto de situacións poboado de sorpresas e personaxes singulares, cifrados estes nas ducias de monicreques de madeira que cobran vida ao debullar as súas propias historias…; mais tamén cómpre subliñar que Boyne non oculta a transmisión dunha fermosa metáfora sobre o paso do tempo, establecendo un diálogo ricaz coa narrativa de filiación oral, coas lendas, fábulas ou contos de fadas, mais tamén cos ecos de Frank Baum, Ende, Lewis Carroll, Collodi ou o Guillerme Brown de Crompton por só citar algúns.

   Non quero concluír sen deixar de sinalar, alén do acaído da versión que ofrece Carlos Acevedo, que este libro se suma a ese ronsel de obras que, distintas editoriais galegas, poñen en circulación adiantándose ás traducións ao castelán e que, por tanto, tampouco están apoiadas polo eco que esa industria editorial suscita. Penso que sería bo concederlle, a esta e todas as outras propostas, o noso apoio. 

 

Esta recensión, baixo o título de “Culto ao <crossover>” publicouse o 2 de xullo de 2011 nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia.