Diego Ameixeiras, XI Premio Novela por Entregas La Voz de Galicia

Onte despraceime ata Arteixo para participar no fallo do XI Premio de Novela por entregas de La Voz de Galicia. Camilo Franco, Héctor J. Porto,  Xosé Carlos Caneiro, Ramón Loureiro e mais eu resolvemos concederllo por unanimidade a Historias de Oregón, de Diego Ameixeiras. Desde aquí os meus parabéns ao gañador, a quen estimo moito como novelista, e tamén aos dous finalistas desta edición.

Da proposta narrativa xa se apuntaron algunhas cuestións con moito tino e non vou abundar hoxe nelas, tan só sinalar que a publicación desvela unha trama ben estruturada composta por vidas que se cruzan nun inconfundible espazo que é o de Oregón-Ourense; está dotada dun verniz contemporáneo, inequívoca vontade realista e escrita con moita forza narrativa. Estou certo, ademais,  que a difusión que esta novela gozará a través das páxinas do xornal como da merecida publicación da mesma en forma independente, ou iso espero, será unha aldrabada probablemente non necesaria pero si xusta, que apontoa a solidez da traxectoria creativa de Ameixeiras.