Exogamia 0.3, de Ramón Caride Ogando

 

Ramón Caride Ogando

Exogamia 0.3

Xerais, Vigo, 2011, 96 páxinas, 11 €

Á afortunada visita á nosa historia que constituíu O frío azul, unha das últimas achegas de Ramón Caride Ogando ao ámbito da narrativa ata o de agora, súmase nesta ocasión unha prospección narrativa que se asoma ao campo científico como plataforma desde a que idear unha ficción, ou un conxunto de ficcións, emprazadas as máis delas na literatura de anticipación.

         Non transita o autor, por vez primeira, estes camiños amentados como ben amosa a súa ampla bibliografía, mais talvez si o faga coa aguilloante intencionalidade crítica, que non unicamente pedagóxica, que se deixa ver. No libro atópase un sentido que vai máis alá das consecuencias que se poderían derivar do cruzamento, ou alteración xenética, entre suxeitos diferentes; nel matízase a acepción de “exogamia” e sitúase nunha coordinada que vai de fóra cara dentro, posibilitando unha lectura arredor dos elos e fíos establecidos entre as persoas, ás veces intanxibles pero existentes, ás máis das ocasións impostos e dirixidos desde instancias do poder.

         Agás o primeiro dos relatos, titulado irónica e significativamente “Reciclado”, emprazado no noso tempo e detido no asunto da escravitude ou explotación laboral infantil e as consecuencias do neo-liberalismo a través dos soños contrastivos duns nenos que viven en espazos e atmosferas sociais distintas, os máis deles -esvarando por veces cara aos eidos do ensaio divulgativo ou mesmo da reportaxe de corte xornalístico- facilitan o acceso a universos que se poderían cualificar como futuristas, en que se intensifican ou redimensionan os perigos que hoxe podemos albiscar no uso perverso, ao servizo duns poucos, do que poden ser os avances ou adiantos científicos. Velaí como se deseña a crueldade da cacería de animais salvaxes nas ruínas de Chernóbil, como se aposta nun xogo cruel sobre as chegadas de inmigrantes en caiucos; eis a popularización desas pílulas que borran as lembranzas negativas, a recreación da manipulación dos xenomas ou a intereseira transformación biomolecular, co pano de fondo da enxeñaría xenética ou as catástrofes climáticas.

         Ao meu ver Exogamia 0.3, entre outros méritos, encerra o de propor, desde un punto de vista crítico e tamén desacougante, os camiños da ciencia actual e a súa proxección cara ao futuro; contribúe á reflexión tanto sobre os seus límites como arredor da recorrente perda  dos valores do humanismo respecto dos que nunca debeu estar enfrontada; converte, en fin, a ciencia como ineludible obxecto de debate.

 

Esta recensión crítica publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 9 de xullo de 2011 baixo o título de <<Quimeras…, ou non tanto?>>