Vilagrafías, de Anxo Cabada

 

Anxo Cabada

Vilagrafías

Verbum, Vigo, 2011.

Ata o día 11 de setembro pódese visitar no Verbum de Vigo unha magnífica exposición que presenta o fotógrafo Anxo Cabada e que se estrutura como unha revisión fotográfica, mais tamén literaria e sentimental da man dun bo número de escritores e escritoras galegas, arredor dun monllo representativo de cidades e vilas galegas. Eu recomendo vivamente a súa visita mais, para quen non poida achegarse, deixo aquí un paseo virtual pola mesma  (aínda que cómpre agardar un chisco a que cargue). E aquí un suxestivo vídeo realizado por Xosé Luís Alonso para abrir a boca (aínda que creo que só se poderá ver para os que transitamos polo facebook).

Por último, velaquí o texto de Anxo Cabada, que precede o correspondente catálogo expositivo e que explica polo miúdo todo o seu traballo e intención:

A poesía e a fotografía teñen o mesmo itinerario e ás veces as mesmas postais na maleta. As vilas estanse a converter no grande escenario da terra, o labirinto perfecto para atopar o corazón perdido das cousas. É ben certo que ata agora a vida na cidade era sinónimo de progreso, mais hoxe son moitas as urbes que se converteron en escenarios do desencanto. Así, dende a ilusión ou o medo, as cidades resultan indefinibles. Do mesmo lugar hai unha visión diúrna e outra nocturna. Unha optimista e outra pesimista. Unha cara árida e outra amable. Un punto de encontro e moitos de desencontro. Desta idea xorde esta proposta, un traballo de escritores e escritoras sobre a súa vila ou cidade emocional que fai agromar a imaxe fotográfica.

As cidades son topografías da memoria e o sentimento, e tanto a cidade como a fotografía están en continua evolución e definición, por iso estas palabras e imaxes non tratan de documentar as vilas senón de buscar unha nova linguaxe, de reinventar a visión das cidades.

A partir das palabras dos escritores e escritoras que naceron, viven ou senten as vilas, e dende a experiencia cultural e vital, as fotografías son coma un mergullo nos lugares. Neles a imaxe e a sombra chegan a fundirse coa cidade, para facer un exercicio de reflexión sobre os espazos de dentro-fóra, día-noite, observador-actor, tentando recrear o labirinto da cidade, onde fotografía e poesía, nun camiño que transcorre en vías paralelas, buscan a súa propia expresión, a expresión da procura do noso imaxinario.