Lois Pereiro. Día das Letras Galegas 2011, de Mª Xesús Nogueira e Anxo Tarrío (eds.)

 

Mª Xesús Nogueira e Anxo Tarrío (editores)

Lois Pereiro. Día das Letras Galegas 2011 (ilustracións de Xurxo Martiño)

Universidade de Santiago de Compostela, Santiago, 2001, 168 páxinas,  15 €

No ronsel da serie de publicacións coas que a Universidade de Santiago de Compostela rende tributo científico, ano a ano, ao autor ou autora que a Real Academia Galega designa para a celebración do Día das Letras Galegas, chégame -a través das mans xenerosas dunha amiga- este volume coordinado por María Xesús Nogueira e Anxo Tarrío que se suma, con moita dignidade, á xa longa nómina de publicacións que tiveron como eixe central a eséxese da obra de Lois Pereiro.

   Non é este o espazo para dar conta polo miúdo dos contidos deste monográfico, atractivamente ilustrado por Xurxo Martiño. Moi sucintamente somente sinalo que revisa os desemellantes focos de atención que suscita a súa obra poética e os espazos nos que se verteu a súa achega literaria, engade reflexións ao fío dos seus textos ensaísticos, analiza as súas manifestacións en medios escritos -nunha proposta moi saudosa para min-, esculca sobre a construción da imaxe iconográfica do poeta ou analiza a diversidade de códigos lingüísticos que empregou, alén dunha útil bibliografía pereiriana, de e sobre, que abrangue o período de 1996 a 2010.

   Por último, é de xustiza tamén deixar constancia da nómina de colaboradores desta  monografía: María Xesús Nogueira, Antía Marante, Iria Sobrino, Anxo Tarrío, Carme Silvia e o grupo conformado por Blanca-Ana Roig, Mar Fernández, Carmen Ferreira e Esther de León.