Breviario, en Biblos. Clube de Lectores, nº 51

1. Entrevístase neste número de Biblos. Clube de Lectores  a Agustín Fernández Paz e, en boa lóxica, ocupa moita atención nela o seu último libro: Non hai noite tan longa. Noutro sitio xa me referín a este libro mais quería agora subliñar a relevancia deste título que se erixe desde un substrato de arrecendo shakesperiano e onde non é difícil, por máis que iso sexa un tanto aleatorio, reparar nun axuste de contas a un tempo vivido. A mestura dos recursos de novela negra cos da novela psicolóxica xunto co especial coidado expositivo condúcennos a unha auténtica epifanía contra a desmemoria do noso pasado máis recente. Aínda que só fose por iso, que non o é, xa pagaría a pena.

 2. Malia as dificultades destes tempos quero subliñar a afouteza dun bo número de editoriais galegas que seguen a apostar, valentemente, polo xénero da tradución. En especial aquelas que ofrecen traducións, polo xeral do xénero narrativo, algún tempo antes en galego que noutros idiomas peninsulares. Coido que está nas mans de todos os temos acceso a algún medio salientar este esforzo e visibilizar esta opción do produto en galego como ocorre, por citar un caso, con Tardes con Margueritte, de Marie-Sabine Roger, cuxa tradución ao galego non omite ou “suaviza” a fraseoloxía orixinal, como si fai a versión castelá en aras de evitar posibles problemas cos lectores máis novos.

         A cousa aínda resulta máis perentoria cando o texto en lingua galega vai ser, durante meses, practicamente a única versión peninsular que existe e penso en Despois da medianoite, de Salma ou en Noah Barleywater escapa da casa, de John Boyne, como casos recentes.

 3. Publícase tamén estes días a última novela de An Alfaya titulada Vía secundaria, que foi premio de novela por entregas La Voz de Galicia en 2010. Tiven a fortuna de formar parte do xurado e lembro como elementos máis salientables o acaído do seu ritmo para as esixencias do xénero e o desenvolmento das temáticas da incomunicación e da soidade, entre outras. Deséxolle a mellor das sortes para esta edición como libro independente pois ben o merece.

 4. Conclúo con tres referencias a recentes publicacións que se engaden á celebración do Día das Letras Lois Pereiro e que, por mor de seren publicados tras o 17 de maio, non sería de xustiza que ficasen esquecidos. Trátase dunha moi recomendable achega, en forma de banda deseñada, á obra e á vida do poeta da man de Jacobo Fernández Serrano titulada Lois Pereiro. Breve encontro; e logo, senllos monográficos que chegan, respectivamente, da USC o primeiro e da Universidade de Vigo o segundo, este último en colaboración con Xerais: Lois Pereiro. Día das Letras Galegas 2011, coordinado por Anxo Tarrío e Mª Xesús Nogueira e Que lle podo ofrecer a quen me intente?, baixo a responsabilidade de Anxo Angueira e Teresa Bermúdez.*

*Engádega: esquecín citar nesta nómina o libro de Mario Regueira Lois Pereiro. Unha persecución, que viu a luz en 2.0 Editora, as miñas desculpas para un autor que sigo e admiro.