Infinito presente, de Ludwig Zeller

 

 

Ludwig Zeller (selección e tradución de Francisco X. Fernández Naval)

Infinito presente (selección de poemas)

Espiral Maior, Culleredo, 2010, 152 páxinas, 16 €

 

Quedo moi satisfeito polo feito de que a providencia (laica) rescatase este libro entre a montaña de novidades que me rodea, con serias intencións de agredirme, e que polo tanto permitise non esquecer este poemario, de acaído e suxestivo título, que supón o primeiro libro publicado no estado español do importante poeta chileno Ludwig Zeller e, nesta ocasión, nunha edición bilingüe galego-castelá. Alén de permitirme coñecer a existencia deste artista plástico de primeira liña, a súa poesía, traída para o galego con habelencia mercé a Francisco X. Fernández Naval,   que prologa o volume xunto con Gabriela León, desprégase diante de quen o lea como un suxestivo tapiz cheo de matices e escentileos que se asoman a todo o que ten que ver coas aristas do ser humano, coas súas contradiccións e covardías, cos heroísmos e afoutezas, co mundo cotián e coa solidariedade humanizadora. Un total de cincuenta poemas, que percorren ao tempo toda unha biografía sucada polas estadías do poeta en Chile, México e Toronto…

No primeiro poema que abre o volume, dedicado por certo a Eugenio Granell cando este se xubilaba como profesor no Brooklyn College de Nova York, afirma brillantemente:  “¡Onde están os nosos soños, alí estará a vida!”, engado que talvez hoxe máis ca nunca. Saúde e poesía!