Que lle podo ofrecer a quen me intente? Monográfico Lois Pereiro, A. Angueira e T. Bermúdez (coords.)

 

A. Angueira e T. Bermúdez (coords.)

Que lle podo ofrecer a quen me intente?Monográfico Lois Pereiro

Xerais-Universidade de Vigo, Vigo, 2011, 176 páxinas, 16 €

 

Nesa bóla de neve que supuxo, e supón, a dedicatoria do Día das Letras a Lois Pereiro cómpre non esquecer a recente publicación dun número monográfico, coordinado polos profesores Anxo Angueira e Teresa Bermúdez, que asedia criticamente diferentes aspectos da produción literaria do autor monfortino e que, ao tempo, se converte no primeiro resultado palpable dun proxecto que nace dentro do grupo chamado GAELT (Grupo de Análise e Estudo da Literatura e a Tradutoloxía), vinculado á Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.

Desde xeito achéganse un grupo de visións particulares que falan de Pereiro como home e artista do seu tempo, subscritas por Xosé Manuel Pereiro, Paco Macías e Fermín Bouza. Por outro lado, outro monllo de colaboracións abéiranse a aspectos que analizan cuestións relacionadas coa súa dimensión máis propiamente literaria, debidas a Manuel Forcadela, Teresa Seara, Xavier Seoane e Alberto Valverde.

Por outro lado, o libro complétase coa transcrición do recital celebrado no pub Moka da Coruña no ano 1996, alén de incluír un feixe de traducións dos textos de Pereiro a diversos idiomas e, por último, catro suxestivos diálogos poéticos realizados ad hoc e que proceden de Xabier Cordal, Estíbaliz Espinosa, Chus Pato e Dores Tembrás.  

Unha oportuna achega que, sen dúbida, afonda unha vez máis con lucidez e rigor na figura de Lois Pereiro.