O gran caderno, de Agota Kristof

Coñecín hai un pouco a nova da morte de Agota Kristof e, loxicamente, asocieina á lectura d´O gran caderno, esa novela traducida ao galego da que podemos dispor -tradución excelente, por certo, a cargo de Marga R. Marcuño- e que se publicou en Xerais no ano 2000. Autora vertida tamén ao galego no título Onte, publicada en Rinoceronte.

Desta, e das outras novelas que conforman a coñecida triloxía, sospeito que se falará longamente e con maior pertinencia ca min estes días, mais eu só quero aquí lembrar a forza esgazadora d´O gran caderno: a súa crueza na exposición da intriga -os xemelgos e mais a súa avoa pertencen ao grupo deses personaxes que resulta imposible esquecer- mais tamén a inequívoca vontade de estilo que domina a súa proposta. Recomendo tanto esta magnífica entrevista, na que amosa o seu distanciamento do feito literario nos seus últimos anos, como, de ser posible, ler ou reler a súa obra: é ben difícil ficar indiferentes.