1984, de George Orwell

 

George Orwell

1984 (tradución de Fernando Moreiras)

Faktoría K de Libros, Vigo, 320 páxinas, 19 €

Tras a publicación en Faktoría K de Libros, non hai moitos meses, de A Granxa dos Animais, o mesmo selo aborda a publicación, por vez primeira en lingua galega, de 1984.

         Festexo esta tradución, de impecable factura e da que subliño as posibilidades que se lle poden tirar ao texto final titulado “Os principios da novafala”, porque permite, e permitirá, achegarse con garantías a unha auténtica alfaia da literatura universal, da que case todo xa se ten dito, comezando por adscribila a iso que se ten chamado “distopía” por oposición a “utopía”, é dicir, a descrición dunha sociedade totalitaria, ofegante e sometida ao control dun goberno ditatorial.

         Orwell recoñeceu influencias das obras de Yevgueni Zamiatin, Aldous Huxley e Karel Capek pero estou certo que non sospeitaría que a súa novela xeraría un incontestable eco non só noutras pezas literarias senón tamén cinematográficas ou televisivas. Nunca acreditou que a súa ficción fose ocorrer á forza, mais si cría que ben podería acontecer algo semellante ao sentir que as ideas totalitarias arraizaban intensamente no seu tempo. Ao fío disto pódese ben un cuestionar que hai de 1984 no 2011: coñecer ou reler este libro pódenos ofrecer moitas respostas.

 

Este texto publicouse baixo o título de “Grande Orwell” nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia o 30 de xullo de 2011.