Diálogos imposíbeis, de Lupe Gómez Arto

 

Lupe Gómez Arto

Diálogos imposíbeis

Laiovento, Santiago, 250 páxinas, 17 €

Este libro de Lupe Gómez non merecería pasar desapercibido entre o que se publicou nos últimos meses pois, alén de estrear unha orixinal colección da editorial Laiovento, está ideado cun espírito transgresor, suxestivamente irreverente e que entendo como un recurso orixinal, desprexuizado, rendible e mesmo lúdico como é o de facer converxer a un grupo de persoas que dificilmente cadrarían entre si, presentadas baixo outra aparencia, revestidos doutra biografía, aínda que doadamente recoñecibles polo lector.

Artéllase así un labirinto no que atopamos a Madonna, Pizarnik, Seoane, Xohana Torres, Novoneyra, Yolanda Castaño, John Berger, Rosalía de Castro, Anxos Sumai ou Lois Pereiro entre moitos outros.  Un universo de ficción, transxenérico e de filiación un tanto surrealista, no que os poemas e mais os diálogos que se manteñen en boa lóxica nunca foron ou serán, ou se cadra si? Lean o libro e xulguen.

 

Este texto publicouse, baixo o título de “Vontade transgresora”,  nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 30 de xullo de 2011.