Xosé Mª Díaz Castro. Nimbos de luz na Insua dos Poetas

VV.AA.

Xosé Mª Díaz Castro. Nimbos de luz na Insua dos Poetas

Insua dos Poetas, O Carballiño, 2011, 41 páxinas.

 

Un amigo agasállame cun cartafol. Incluíse o que for valoro moito o galano pois gusto desta “forma” editorial, tan pouco presente nos últimos tempos, e que aínda arrastra canda si, nalgunha medida, arrecendos dunha coidada manufactura artesanal. Ademais, nesta ocasión, por riba das cuestións estéticas e de preferencias persoais, o que encerra este cartafol está á altura das circunstancias pois recolle un total de corenta e unha láminas, editadas pola Insua dos Poetas na recente celebración da III Festa da Palabra organizada polo poeta Luís G. Tosar, celebración que se centrou nunha homenaxe ao poeta Xosé María Díaz Castro por mor do cincuenta aniversario da primeira edición dun dos poemarios claves da poesía galega de posguerra como foi Nimbos.

         Resulta, así pois, unha experiencia ben gratificante, e formativa, deixarse levar polas páxinas desta publicación que se abre cun breve limiar –biográfico e literario- sobre o poeta de Guitiriz, ben necesario por outra parte pois sempre axuda sempre a fixar contornos e a debuxar con pertinencia os seus diferentes perfís creativos e humanos.

         Por outra parte, o material que se ofrece resulta heteroxéneo e moi rico, equilibrando a documentación escrita coa estritamente visual. Velaí como, alén dunha importante carta dirixida a Del Riego, na que se informa sobre a xestación e os contidos de Nimbos, engádense un bo número de textos inéditos, manuscritos, traducións, mostras das correccións ás que sometía a súa produción poética, poemas autógrafos ou abondoso material fotográfico que permite visitar os espazos polos que transitou o poeta e tamén coñecer o mundo familiar e o do seus afectos. Tamén se reserva un lugar tanto para a reprodución das diferentes cubertas que gozaron as reedicións do seu poemario máis coñecido como para as doutras publicacións, xuntándose finalmente cunha breve, pero significativa, escolma de poemas dedicados ao autor da man de Uxío Novoneyra, Manuel María, Fernán-Vello, Darío X. Cabana ou o propio Luís G. Tosar entre outros.

         Cos ollos postos no ano 2014, cando se celebrará o centenario do nacemento de Xosé María Díaz Castro, este cartafol proxecta na actualidade a relevancia da súa figura e da súa obra e gustaríame que supuxese que, por fin, a tea dos soños de Penélope que o autor recreou cobre nova vida. Ao meu ver a isto contribúe este atractivo exercicio de memoria e de xustiza.

 

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 6 de agosto de 2011 baixo o título de “Díaz Castro, no aniversario de Nimbos”.