Gratas e Boas Novas, de Celso Fernández Sanmartín

 

Celso Fernández Sanmartín

Gratas e Boas Novas

Alvarellos S.L., Lalín, 2011, 24 páxinas, 10 €

Unha amiga faime chegar un galano que moito agradezo, sobre todo porque me permite acceder a un requintado e fermoso libro que, de non ser así, probablemente me pasaría desapercibido e abofé que non o merece pois este Gratas e Boas Novas, xa desde o título, despide un recendo de enerxía positiva, de orixinalidade, procurada -quen o diría!- en tarxetas postais, unha carta e un telegrama antigos, reproducidos acaidamente, case diría artisticamente, prologadas e epilogadas nun discurso ininterrompido por Celso Fernández Sanmartín.

O volume ofrece, así pois, unha suxestiva (mini)colección de imaxes e textos, de Buenos Aires, Lisboa, La Habana e outros espazos, abeirada ao mundo dos afectos ou das complicidades de quen as subscribiron e enviaron, que proxectan sentimentos, experiencias ou vivencias sempre contidas en mínimas pílulas expresivas e que, por iso mesmo, cando as lemos ou visionamos, contribúen a acender a faísca da imaxinación desas voces e fotografías ancoradas no tempo, que foron reais e  que, malia xurdiren nun momento concreto, adquiren así un valor perenne.

Celso Fernández Sanmartín artellou un libro de memorias até agora perdidas no tempo, un libro que é poesía porque é emoción.