A revolta dos indignados, VV.AA.

 

VV.AA.

A revolta dos indignados. Movemento 15-M: Democracia Real Xa!

Faktoría K de Libros, Vigo, 80 páxinas, 7 €

Faktoría K de Libros ofreceume a oportunidade de verter ao galego este volume de autoría colectiva, hai pouco tempo aparecido na Editorial Popular madrileña. Desde aquí deixo constancia a miña gratitude á editorial galega e ao seu equipo profesional por permitirme levar a cabo este labor. O libro titúlase A revolta dos indignados, preséntase na mesma colección na que hai algúns meses viu a luz a versión galega do Indignádevos de Hessel e vén da man dun feixe de voces que tiñan e teñen algo que dicir sobre o movemento, alén de se incluír nas súas páxinas o manifesto e as propostas do Movemento 15-M Democracia Real Xa, o comunicado subscrito polas comunidades cristiás populares do Estado español  e o chamado “Manifesto feminista de Sol”.

Un libro, ao meu ver, altamente informativo, de pequeno tamaño pero  intenso en contidos e pensamento crítico. Agardo que a publicación poida contribuír a se informar verazmente sobre as claves do movemento, a súa xénese, os obxectivos que persegue e algunhas das posibles claves interpretativas que, sen dúbida, nos axudarán a entendelo.

Engado abaixo a noticia de prensa de Faktoría K de Libros que tamén se pode consultar aquí:

FAKTORÍA K vén de publicar “A revolta dos indignados: Movemento 15-M, Democracia Real Xa!”, un libro colectivo que reúne reflexións e artigos de diversos analistas políticos e sociais arredor deste fenómeno tan actual. A obra pertence á colección Ágora K, que se estreou en marzo coa edición de “Indignádevos!”, de Stéphane Hessel, da que se levan vendidos uns 7.000 exemplares en galego.

 Traducida por Ramón Nicolás, “A revolta dos indignados” reúne as opinións de Carlos Taibo, Josep María Antentas, Esther Vivas, Antoni Domènech, Iván Giménez Chueca e Juan Carlos Monedero. As súas respectivas achegas reflicten o descontento xeral motivado pola difícil situación económica, política e laboral, criticando a indefensión da cidadanía e facendo un chamamento á concienciación e ao compromiso ante a necesidade de “construír entre todos unha sociedade mellor”.

Taibo, escritor e profesor de Ciencia Política e da Administración na Universidade Autónoma de Madrid, foi un dos oradores trala manifestación do 15 de maio na Puerta del Sol. Este libro recolle a súa intervención trala marcha, na que alerta do funcionamento das institucións “á marxe do ruído molesto da poboación”, reprende a política financeira do Goberno, advirte da precariedade nos colectivos máis desfavorecidos, do desequilibrio medioambiental, e das condicións de vida desfavorables nos países do Sur.

Pola súa parte, o profesor de Socioloxía na Universidade Autónoma de Barcelona, Josep María Antentas, e a activista Esther Vivas, pertencente ao Centre d’Estudis sobre Moviments Socials da Universidade Pompeu Fabra, consideran que a mobilización do 15-M espalla “un poderoso antídoto para o medo que ameaza con desmontar os esquemas a unha elite dirixente á fronte dun sistema cada vez máis deslexitimado”. O filósofo Antoni Domènech aposta por manter un movemento que “responde a necesidades tan vivas e tan fondas da nosa sociedade que, dificilmente, pasará”.

O xornalista Iván Giménez analiza os conceptos de ciberactivismo e Open Government ou Democracia 2.0, que define como “unha filosofía sobre a aplicación das Novas Tecnoloxías á xestión de goberno e a incentivar a participación cidadá nos procesos democráticos e na relación coas administracións”. E o profesor de Ciencia Política na Universidade Complutense Juan Carlos Monedero evoca no seu artigo a Comuna de París de 1871, trazando un certo paralelismo co Movemento 15-M que reclama “igualdade e participación”.

Outros documentos que complementan o libro son o manifesto e as propostas do Movemento 15-M Democracia Real Xa, un comunicado de “apoio inequívoco” elaborado polas comunidades cristiás populares do Estado español, e o chamado “Manifesto feminista de Sol”. Coa publicación de “A revolta dos indignados” e de “Indignádevos!”, que fora prologado polo escritor Manuel Rivas, Ágora K seguirá incorporando obras, tanto clásicas como de pensadores contemporáneos, para axudar a entender o mundo de forma crítica.