Breviario, en Biblos. Clube de lectores, nº 52 (setembro-outubro 2011)

 

Fiel á súa cita, acode aos quioscos o número correspondente a setembro-outubro de 2011 de Biblos. Clube de Lectores. Revista galega de información literaria. Como sempre deixo aí algunhas, e breves, reflexións sobre aspectos da actualidade literaria e  títulos que chegarán este bimestre.

 

1. Este outono semella anunciarse como un mes de transición, e se cadra este 2011 un pouco máis, á espera das novidades que focalizarán a atención nos últimos meses do ano, coa edición dalgúns premios e mais doutros libros que agardan ventos e oportunidades máis favorábeis para o mercado e os lectores. Malia iso detéñome en tres títulos concretos que se ofrecen nesta tempada.

 

2. Inevitablemente os traballos centrados na eséxese literaria e nas facetas biográficas de Valentín Paz Andrade ocuparán unha destacada atención ao longo do ano vindeiro. Nestes ámbitos é unha realidade o dito que reza “o que diante dá, dá dúas veces”, polo que lle desexo a mellor das sortes á iniciativa de Tucho Calvo de ofrecer, nunha edición revisada e actualizada que garde o saibo da súa edición orixinal, o seu Valentín Paz Andrade. A memoria do século XX: un insubstituíbel achegamento á figura do escritor, político e empresario pontevedrés que se converteu no seu día nun verdadeiro documento histórico e que hoxe é unha fonte na que é obrigado beber para coñecer máis o personaxe e, abofé, o pasado século XX no que tantos acontementos Paz Andrade protagonizou. 

 

3. Publícase tamén estes días o último libro de Fran Alonso baixo o título de Ninguén. O escritor vigués retorna ás marxes que transitara en Silencio –unha das súas achegas que máis me entusiasmara-, tripando de novo asuntos como a incomunicación, a soidade e a despersonalización, sen esquecer a presenza abouxadora do mundo das novas tecnoloxías no noso día a día nin ese aguillón irónico que vai cravando aquí e acolá.

 

4. Outra das novidades é o título Asasinos, asasinos, asasinos! de Vicente Piñeiro González. Nel explótase, ficcionalmente, a biografía da intelectual e escritora Juana Capdevielle, esposa de Francisco Pérez Carballo, gobernador civil da Coruña tamén asasinado. Dou en cavilar que a novela, máis ben un diario ficcionalizado, malia basearse en datos históricos contrastados, opta por un recurso técnico dificilmente verosímil pero os lectores xulgarán. Con todo cómpre agradecer a achega que resulta operativa para lembrar a figura de quen protagonizou un dos capítulos máis escuros e crueis da guerra civil.

 

 

5. Para bibliófilos. Luís Alonso Girgado e Luís Cochón editan facsimilarmente Soma de Craridades por Álvaro Cunqueiro e Unha carta a Luís Seoane por Santiago Montero Díaz, unha auténtica marabilla no mundo da edición, moi acaída neste ano dedicado á memoria de Álvaro Cunqueiro.

 

 

Este texto foi publicado na sección “Breviario” de Biblos. Clube de Lecturas, nº 52, setembro-outubro de 2011.