Que haxa un programa de radio, e falo de La Voz en Espiral, emitido por Radio Fórum desde Mérida e dedicado integramente á poesía é cousa, hoxe en día, case pasmosa; que o devandito programa comece unha nova andaina logo dun ano de emisión é case inaudito e a explicación só se pode atopar na teimosía e bo facer dos seus responsables: Suso Díaz e MariPaz Paz, alén da colaboración dalgunhas outras persoas e institucións que están detrás do proxecto desde o primeiro día.
Por riba, a emisión, que se pode seguir a través dun arquivo de podcast, amosa unha especial sensibilidade, case diría que devoción, polo universo lírico galego, o que sempre é de agradecer. Vaian desde aquí os meus parabéns pola continuidade desta iniciativa, os meus azos para esta nova tempada e os meus desexos dunha moi proveitosa traxectoria.