Viaxeiros por Galicia, de Xan Arias-Andreu Rodríguez

 

Xan Arias-Andreu Rodríguez

Viaxeiros por Galicia (tradución de Enrique Sánchez)

Trifolium, Oleiros, 286 páxinas, 21 €

 

Diarios, memorias, cartas, relatos… da man de viaxeiros que repararan na especificidade do noso territorio, na singularidade dos costumes propios, na xeografía, no patrimonio monumental ou na lingua de noso…, constituíndo todo o que conforma ou conformou o sentimento identitario, hóuboos desde a antigüidade e potenciáronse na Idade Media por mor, loxicamente, do Camiño de Santiago… Con todo, nunca resultaron de doado acceso e non foi ata hai ben pouco, mercé ao labor dalgúns selos editoriais e dalgúns investigadores e tradutores, cando comezaron a resultarnos familiares páxinas subscritas por autores como George Borrow, Federica Montseny, Anette Meakin, Aubrey G. Bell, Nina Epton, Josep Pla, Baltasar Merino, Luis Bello ou Ruth M. Anderson que, entre moitos outros, relataron os seus encontros coas xentes galegas, describiron as experiencias vividas entre nós, expostas con maior ou menor acerto desde a asunción de que non se trataban as súas de diseccións científicas senón de calas valorativas e impresivas.
     Malia o referido non é difícil atopar nestes textos, de cando en vez, algún relampo analítico que galga por riba da gabanza paisaxística ou monumental, que sorprende ou move ao sorriso, mesmo que nos fai torcer o bico nalgúns casos nos que as aseveracións se alicerzan nunha visión superficial e efémera, que non vai ou non quere ir á análise de fondo que pode explicar a orixe de estampas cheas de pobreza ou de miseria.
      Todo o dito suscítamo un ensaio de Xan Arias-Andreu, que ve a luz na editorial Trifolium de Oleiros que tan atraentes propostas vai deixando nos últimos tempos, baixo o título de Viaxeiros por Galicia. O libro enterra a súa orixe nunha serie de artigos publicados semanalmente no suplemento “Galicia” de La Voz de Galicia a mediados da década dos noventa que, tempo despois, coñecerían unha edición exenta, en castelán e en Ediciós do Castro. Agora aparece esta versión galega, que gaña moitos enteiros no tratamento estético e pon ao día, desde a perspectiva dun especialista, esa pregunta de “como nos viron?”
     O propio editor advirte que non se puideron recoller todas as manifestacións sobre Galicia escritas por eses escritores-viaxeiros, de moi diversas nacionalidades e épocas, pero o certo é que o libro, sustentado pola visión que viaxeiros, fotógrafos, xornalistas, médicos, profesores, militares ou mesmo espías espallaron aquí e acolá, permite que un vaia reconstruíndo non só o paso destas persoas por Galicia, os seus encontros e desencontros, senón que posibilita asomarnos ás claves da nosa idiosincrasia, cando menos a que proxectamos por riba de épocas históricas e onde tamén hai espazo para que asomen curiosidades como a descrición dos supostos usos amatorios dos nosos devanceiros, a visión das polémicas entre as dúas cidades máis importantes ou pequenas alfaias como a descrición, hiperbreve, que Manuel Azaña fai en 1918 da cidade de Vigo: “Cara ao mundo, polo océano”.
    Xan Arias-Andreu non asedia ao lector con profusión de datos, polo que nel se aprende moito e teño para min que encerra, en esencia, moitas páxinas que resultarían inspiradoras para suxestivos proxectos narrativos de ficción, tanto pola singularidade dalgún viaxeiro-escritor como polas curiosas experiencias que comparte. Un volume, en definitiva, que convida a sermos nós quen agora vexamos como nos viron.

 

Este texto, agás o derradeiro parágrafo, publicouse baixo o título de “E… ¿Como nos viron?”, nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 8 de outubro de 2011.