Celso Emilio Ferreiro, Antón Patiño e a promoción do libro galego en Librouro

Para o pintor Antón Patiño

Un capítulo interesante, para min sorprendente por inesperado, na biografía de Celso Emilio Ferreiro e respecto do que, se hai forzas, darei conta noutro espazo con máis vagar e amplitude, é a estratexia difusora e comercial que o poeta celanovés e mais o libreiro Antón Patiño Regueira, propietario da libraría viguesa Librouro, levaron a cabo aló por volta dos primeiros anos setenta. Patiño e Celso Emilio establecen unha relación epistolar a comezos da devandita década e, a partir desta, vai xerándose unha corrente de simpatía e colaboración mutua co pano de fondo da promoción  que se podería realizar da obra literaria do autor de Longa noite de pedra. O proxecto, en síntese, era sinxelo: Celso Emilio Ferreiro, que daquela gasta os seus últimos días en Caracas, singularizaría os seus propios libros para a venda a través da redacción de diferentes textos manuscritos a xeito de dedicatoria, neste caso dirixidos a un descoñecido receptor.

A singularización que deste xeito gañaba cada un dos exemplares poéticos de Celso Emilio -naquela altura Cemiterio privado ou as edicións de El Bardo de Viaxe… ou Longa noite…- que chegase aos lectores, por outro lado, non responde ao esquema da dedicatoria máis ortodoxa pois os manuscritos, alén de reproducir en ocasións variantes de textos poéticos coñecidos de Celso Emilio, beireaban a miúdo os eidos do aforismo e, dalgún xeito, da denominada literatura do eu, mais sempre en pequenas esencias. Os libros ferreirianos que se distribuían desde Librouro, así pois, contando sempre cun manuscrito único do autor, foron centos e o éxito da iniciativa moi notable. A estratexia, sinxela pero moi efectiva, confirma o pulo empresarial e imaxinativo, alén da aposta cultural polo libro galego de Patiño, a carón do interese palpable de Celso Emilio Ferreiro neste proxecto que, polo que me foi posible coñecer, deitou un  resultado extraordinariamente positivo.  

Deixo aquí, a modo de exemplo, dous exemplos manuscritos: