Emilio Urberuaga, Premio Nacional de Ilustración MC 2011, ilustrador do cortaziano Discurso do oso

Souben hai pouco que Emilio Urberuaga acadou o Premio Nacional de Ilustración na convocatoria que anualmente vén da man do Ministerio de Cultura. Non coñezo o ilustrador persoalmente, mais sabía dalgunhas intervencións e traballos artísticos seus e,  sobre todo,  coñecíao polo excepcional traballo que deixou plasmado no Discurso do oso, en que se enfrontou á nada doada tarefa de interpretar un suxestivo e magnífico texto de Julio Cortázar.

No ano 2008 publiquei unha breve recensión do libro que talvez é oportuno deixar aquí. Parabéns ao premiado e aos editores das súas obras, alén de Kalandraka, Xerais e Obradoiro entre outras.

 

Julio Cortázar

Discurso do oso (ilustracións de Emilio Urberuaga, tradución de X. Ballesteros)

Kalandraka, Pontevedra, 2008, 26 páxinas,  13 €

Polos ámbitos do onírico, máis ben do surrealismo de xinea tipicamente cortaziana se se me permite, chega do autor arxentino, acompañado de coloristas e sinxelas ilustracións do experimentado Emilio Urberuaga (Madrid, 1954), o Discurso do oso: unha sorprendente proposta que testemuña como a boa literatura, máis ben a espléndida literatura, trascende fronteiras, xéneros e idades. Lirismo e potencial imaxinativo conxúganse neste relato, sempre modulándose entre as dimensións do cotián mais tamén do fantástico, onde un oso que alenta nun edificio calquera, noitébrego e tenro, mais tamén rebuldeiro e cheo de simpatía, vive atento a ás súas angueiras cotiás, todas elas a abalaren entre a responsabilidade do seu traballo e o que é puro ludismo. Este oso –“o oso dos canos da casa”-, reparando por veces na impenitente soidade que pode caracterizar o ser humano e desde a instancia do humor, protagoniza un libro que reinterpreta singularmente unha mínima parte do mellor das Historias de cronopios de famas, agora para os máis pequenos e para os non tan pequenos.