De Vidal Bolaño a Rosalía

 

Xosé Manuel Fernández Castro

A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño

Laiovento-Xunta de Galicia, Santiago, 590 páxinas, 26 euros

 

 

 

Xesús Alonso Montero (director)

Revista de estudos rosalianos, nº 4

Fundación Rosalía de Castro, Padrón, 328 páxinas

 

VIDAL BOLAÑO: UNHA REVISIÓN NECESARIA

          Cómpre entender como unha magnífica noticia a publicación dunha síntese da tese de doutoramento que Xosé M. Fernández Castro defendeu no seu día e que agora ve a luz baixo o título de A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño. Unha proposta que cómpre valorar na súa xusta medida nun tempo en que a edición de textos ensaísticos conleva un inequívoco risco comercial que fai complexa a súa posta en circulación.  Con todo, o dramaturgo Vidal Bolaño merecía por méritos propios unha monografía como a presente na que se afonda na carreira profesional do home de teatro en dúas liñas principais; unha delas amosa as claves principais da súa personalidade pública, internando aos lectores nos elementos máis substanciais da súa vida, obra e pensamento para, a continuación, abordar unha análise globalizadora, e exhaustiva, arredor de Agasallo de sombras nun exercicio que fai agromar de seu as liñas esenciais do traballo teatral de Vidal Bolaño na perspectica dramatolóxica, subliñando asemade moitas das polémicas que rodearon “o elenco e a estrutura do Centro Dramático Galego”, como sinala o propio autor.

         A miña valoración deste ensaio ten que ser, á forza, positiva e satisfactoria. Reclama xustamente a atención dos lectores sobre o traballo e a personalidade dunha das persoas claves no desenvolvemento da nosa dramaturxia máis recente, fai pensar na necesidade de realizar unha edición moderna das súas pezas dramáticas e, por último, revela a rigorosidade que o autor do ensaio aplicou neste traballo pois alén do esforzo que supón dialogar coa bibliografía previa é doado constatar o intenso mergullo na tarefa de recadar material todo tipo para a redacción: entrevistas, cartas, consulta de fontes hemerográficas… Todo isto faime pensar que non estou errado se considero esta monografía como unha das achegas ensaísticas máis salientables e relevantes entre as publicadas no que vai de ano, ademais  teño para min que a súa publicación non debería nin merecería pasar desapercibida.

 

ROSALÍA DE CASTRO: NOVOS ASEDIOS

           Un amigo agasállame co que entendo outra feliz iniciativa, tras un ano de obrigado silencio por cuestións orzamentarias, como é a publicación da cuarta entrega da Revista de estudos rosalianos, que edita a Fundación Rosalía de Castro e mais o Centro de Estudos Rosalianos. A publicación, dirixida por Xesús Alonso Montero, recupera o seu pulso e volve converterse nunha cita ineludible para os rosaliólogos, mais tamén tamén para quen lle interese estar ao día no ámbito das novas investigacións que se realizan arredor da autora de Follas Novas

         Non hai espazo para dar conta aquí nin sequera da abondosa nómina dos colaboradores deste número. Con todo, gustaríame subliñar a inclusión de sempre rigorosos e perfilados capítulos verbo de cuestións biográficas de Rosalía, como o que vén da man dunha das mellores especialistas na materia, Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda arredor, nesta ocasión, de José Martínez, pai de Rosalía. Non esquezo outras propostas como as que revisan a súa obra á luz de novas visións críticas, xunto con lecturas de libros rosalianos, comentarios textuais, exhumacións poéticas ou unha entrevista con Takekazu Asaka, que revela interesantes informacións verbo da recepción da obra de Rosalía no Xapón.  

    Non quixera concluír sen insistir na pertinencia de novas seccións como a que incorpora visións plásticas sobre Rosalía da man de Antón Pulido ou Isaac D. Pardo; a que dá corpo ao epígrafe titulado “o meu encontro con Rosalía”, neste caso da man de Manuel Sánchez Salorio ou, finalmente, a sección que convida a escribir ficción cun fondo ou asunto rosaliano, respondendo ao pedimento no presente número Mª. X. Queizán e mais M. Zabal, con dous suxestivos textos.  Unha entrega que mata a sede de saber sobre Rosalía, esperando que sexa de aquí a un ano.

 

Esta recensión publicouse co título que dá encabeza este post nas páxinas do suplemento “Culturas”, de La Voz de Galicia, o 5 de novembro de 2011.