Gonzalo Moure
Cama e conto (tradución de Fran Alonso)
Edicións Xerais, Vigo, 72 páxs., 10 €
Por veces ocorre que un le libros, que lle gustan moito, sobre os que o previsible comentario se vai adiando por milleiros de razóns. Pero os libros teñen vida propia e, malia non descubrir nada con isto, o certo que ese pensamento me serve para explicar o que sucedeu con este Cama e conto, de Gonzalo Moure, que conta con intelixentes ilustracións de Lucía Serrano. A razón da demora deste apuntamento alude ao extravío dun caderno que, milagreiramente e para a miña ledicia, acaba de aparecer. Nel, ademais doutras notas, gardaba algunhas reflexións que me suscitou este marabilloso relato, que chega á nosa lingua mercé unha competente tradución de Fran Alonso.
Cama e conto, así pois, sen privilexiar un único punto de vista narrativo tal e como sería de esperar, fai converxer dúas perspectivas -a dunha nena e mais a da súa nai- arredor dun motivo, en aparencia sinxelo mais cheo de suxestivas connotacións, como é a lectura e, aínda máis, a lectura compartida.
O libro fai repousar un dos seus posibles sentidos nunha máxima que viría sendo “ler é bon, mais partillar a lectura é aínda mellor”. Esta sentenza, por outro lado, formúlase de xeito brillante e ofrece diversos niveis de lectura, operativos tanto para lectores de máis de oito anos como para adultos ou, especificamente, para os pais dos primeiros. Para isto Moure converte en sinxelo o que non o é, quer dicir, expresa con palabras as experiencias que alguén pode sentir ao oír un conto e reflicte esa evocación imaxinativa e tamén sentimental que descansa no relato oral, inspirado ou non na letra impresa, e faino con frescura, ironía, plasticidade, mudando os roles protagonistas de xeito intelixente, guiándose sempre por unha rendible e efectiva contención expresiva.
Moure continúa a transitar polos vieiros dos relatos contados, se xa non arredor do lume ou da lareira como Fole facía, si noutros contextos máis contemporáneos, ou neste caso domésticos como son a cama, coa necesidade de coñecer historias para soñar con elas. Tanto aquí, como en Son un cabalo ou n´A noite d´O Risón , os dous últimos libros da súa autoría que lin, aposta polas posibilidades da oralidade e a súa potencialidade para proxectar o que queiramos ou imaxinemos; algo, por outra parte, que atinadamente souberon ver no grupo teatral Babaluva, que transformou este libro nun espectáculo teatral.
Magnífico libro, sen dúbida, este Conto e cama, como non menos interesante é a páxina web do autor, que desde aquí recomendo visitar pola lucidez de moitos artigos que aí ven a luz.