Noutra dimensión
Galaxia, col. Árbore, 220 páxinas,
12,50 €
Marcos Calveiro
Centauros do norte
Rodeira, 136 páxinas, 8,85 euros
Convencido, como estou, do bo momento que atravesa a nosa literatura infantil e xuvenil ocúpome hoxe de dúas mostras deste último ámbito pois ambas as dúas testemuñan, como outras que se poderían escoller, as elevadas doses de madurez, pluralidade e talento que carrexa esta modalidade para nós.
CENTAUROS DO NORTE
Aos éxitos obtidos por Marcos Calveiro nestes eidos –lémbrese tan só O pintor do sombreiro de malvas ou O carteiro de Bagdad– xúntase arestora esta peza, galardoada no seu día na oitava edición do Premio Raíña Lupa que organiza anualmente a Deputación da Coruña a través do concurso dun solvente xurado.
Centauros do norte é unha novela que, con habelencia compositiva e articulada nunha acaída estrutura capitular, sitúa a quen ela se achegue no México da revolución de Pancho Villa a través das experiencias, iniciáticas moitas delas, dun mozo de dezasete anos, músico de profesión, cuxos ollos e vivencias serven para reconstruír un mundo que talvez fique arredado para moitos adultos ou sexa descoñecido para outros tantos lectores novos. O acerto de introducir personaxes reais para dotar de verosimilitude ao relato, como o caso do director de cine Raoul Walsh, mais o deseño solvente doutros, como as figuras do vello filósofo Longinos ou do propio Pancho Villa, conducen a establecer un acaído punto medio entre o que de aventureiro poderían ofrecer as vicisitudes do espazo histórico escollido e o que significa a asunción duns ideais de igualdade e xustiza defendidos ata o último alento. Este inequívoco pouso reflexivo abre o volume a diversos niveis de lecturas, ao meu ver todos ben suxestivos e intensos. Convido asomarse a este volume coa convicción de que non se sairá defraudado.
NOUTRA DIMENSIÓN
Non menos interesante resulta Noutra dimensión, de Marica Campo, que ademais conta nesta ocasión con ilustracións a cargo de Noemí López. Transitara xa estes eidos Marica Campo con pezas como Abracadrabas ou con E Xoel aprendeu a voar, mais teño para min que esta achega talvez supere en ambición ás anteriores, tanto pola concepción do proxecto narrativo como polo seu propio desenvolvemento.
Nas páxinas da novela asístese á reconstrución dun pasado, desde unha idade adulta, usando tres esteos básicos como son o pouso da aventura, o vector da fantasía e mais o plano da realidade. Nun esquema, así pois, que abala entre o arrecendo iniciático do protagonista e as ansias da descuberta doutros horizontes, tendo sempre presente o recurso da viaxe como alicerce da narración, a autora sabe aínda conxugalo con outros motivos presentes nos esquemas máis narrativos tradicionais, e tan rendibles aínda, presentes nos relatos de xorne popular. E, para que non faltase unha refolada contemporánea, non se obvian, para os receptores máis inmediatos da súa obra, con referencias actuais ás novas tecnoloxías que constitúen o día a día de moita mocidade.
Son máis os relanzos temáticos que non se desatenden nesta obra densa e chea, ao tempo, de tantas revoltas: velaí, por exemplo, a relevancia outorgada ao mundo do libro en diferentes dimensións ou esa inveterada sede de xustiza que caracteriza o protagonista. Por outro lado, as recorrentes doses irónicas e humorísticas que pairan aquí e acolá completan un libro compacto e cruzado por abondosos elementos que se proxectan, en moitos casos metaforicamente, nun tempo presente, configurando asemade un lector participativo, o que non é mal obxectivo.
Este texto saíu publicado no suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 12 de novembro de 2011, baixo o título de “Literatura xuvenil de primeira”.