Mans, texto de Xabier P. DoCampo; fotografías de Daniel Puente Bello (DNL)

 

Xabier P. DoCampo (texto) / Daniel Puente Bello (DNL) (fotografías)

Mans

Everest-Galicia, A Coruña, 40 páxinas, 2011 

Unhas mans amigas, e nunca mellor dito, dunha persoa que estimo e de quen admiro o seu talento literario e mais tamén a súa perspectiva e xuízo crítico sobre tantas cousas que nos rodean, faime chegar unha proposta que, sendo consciente de que pode  semellar un lugar común, non é un libro calquera. E non o é porque, alén de ser un volume esteticamente luminoso, responde a un proxecto concibido para Everest Galicia conxuntamente entre Xabier P. DoCampo e o fotógrafo Daniel Puente Bello, que deixou por un tempo de cazar auroras boreais para deterse en algo que, quen o diría, pode ser igualmente espectacular. Esta colaboración artística pai-fillo deita un resultado que non me deixa de provocar admiración pois, ademais, ten como orixe unha dinámica que non é moi común: primeiro foron as fotografías e logo os textos, que vehiculizan unha lectura literaria das anteriores.

O texto, ao meu xuízo preciso e medido,  sorprende e engancha polo seu lirismo, pola súa sinxeleza, por un esencialismo suxestivo que nos fai pensar máis nun poema, pola concentración expresiva e semántica de cada palabra ou período, cuxos versos axudan a iluminar o sentido das fotografías, que xa falan de seu. Deste xeito, o texto discorre polas páxinas case como se non quixese estorbar nin agochar a forza que latexa en cada unha das fotografías porque, non o dixen aínda, o libro titúlase Mans e incorpora un mangado de fotografías que puxeron baixo o obxectivo o obxectivo da cámara un feixe mans, novas e vellas, de diferentes tamaños, de homes e mulleres, mans brancas, negras ou coloreadas…, expostas decote sobre un fondo branco que é pano de fondo do realmente substantivo: as mans dotadas de movemento ou detidas en repouso, as mans brancas, negras ou dotadas dunha brillante policromía…, sempre ao servizo dunha intención comunicativa e estética que transmite sensibilidade e emoción a partes iguais.  Por se fose pouco os dereitos de autor desta peza destínanse a un fin benéfico do seo da Fundación Tierra de Hombres. Parabéns polo proxecto, parabéns polo excelente resultado final.