Poesía completa (I e II), de Xosé Lois García

 

Xosé Lois García

Poesía completa (I e II)

Toxosoutos, Noia, 2011, (15 € volume) 

 

Está a pasar un tanto desapercibida, se cadra inxustamente, a publicación en senllos volumes da totalidade do traballo poético de Xosé Lois García desde os seus comezos até o ano 2009: un proxecto distribuído en dous volumes e que acada case as mil páxinas; un proxecto que ademais, coas dificultades inherentes aos tempos que corren, pon ao día a obra poética dun autor que, talvez por vivir fóra de Galicia e por non ter frecuentado a edición dos seus libros, agás algún título, en editoriais que contan con proxección mediática e que aseguran certa visibilidade, é aínda un autor pouco citado e pouco presente nas antoloxías poéticas malia constituír a súa unha achega singular e con acento propio no panorama da lírica galega contemporánea.

O primeiro volume desta obra completa ve a luz baixo o título de Por ninguén aloumiñada e recolle a poesía publicada polo autor no período que vai de 1972, data do seu primeiro libro (Cancioneiro de Pero Bernal, 1972), até os poemas de Do Faro ao Miño II, que viron a luz no ano 2005. Esta entrega inicial comeza cun extenso, preciso e clarificador estudo tanto sobre a biografía de Xosé Lois García como da súa obra poética que, se non estou errado, constitúe o achegamento global  máis extenso e completo dos  ata agora publicados; páxinas subscritas polo investigador Camilo Gómez Torres. Recomendo estas páxinas para coñecer tanto o humus vital que rodeou e rodea a vida do poeta como os elementos que poboan e outorgan sentido á súa obra poética, unha obra polifónica e prolífica marcada pola transmisión dunha estética comprometida e actuante no seu tempo, xunto coa recreación de asuntos que teñen que ver coa sensualidade e erotismo, e mais coa atención á lusofonía ou á memoria entre outros moitos.

Por último, en No sangue dos bardos recóllense seis poemarios que o autor publicou desde 2005 -iniciándose con Kalendas– até 2009 , concluíndo deste xeito coa edición dos titulados Poemas pornofálicos, poñendo o ramo a unha obra que, insisto, resulta todo un mérito publicar e que é operativa para reactivar con forza o universo lírico de Xosé Lois García, ensaísta, articulista e tradutor desde hai moitos anos.