Lectura crítica de Semanas, meses, de Reko e Tina Lundán

No meu admirado blogue Trafegando ronseis Gracia Santorum subscribe unha lectura crítica de Semanas, meses, o libro de Reko e Tina Lundán que moito agradezo. Comparto aquí a súa visión:

Reko e Tina Lundán escriben a dúas mans Semanas, meses, publicado pola Faktoría K. Non estamos lendo unha novela, senón un diario da dor, da perda, do sufrimento, da morte. É un relato desolador e terrible de como unha parella con dous fillos se debe enfrontar a un cancro terminal. Dende os dous puntos de vista, as dúas vítimas do sufrimento escribirán sobre o día a día, os seus medos e o seu agotamento, sobre o cotián que non volverá, sobre o amor e a tristura da perda. Non é ficción, é realidade: o lector verase envolto nun mar de dúbidas pero tamén de certezas, de angustias combinadas con ledicias, desas contradicións eternas que compoñen a vida de cada un. Así, repensaremos como espectadores e posibles protagonistas que é o máis importante, como sería a despedida, eses anceios de vivir aos que nos aferramos cun ferro ardendo.
Quizais o máis interesante é o punto de vista da muller, o recoñecemento do egoísmo que ás veces é imparable, o esgotamento, a loita de sentimentos antagónicos que, como é lóxico, xorden nela de cando en vez. Chama a atención a aparente frialdade coa que está escrito o libro nesta loita que só ten un fin posible.
Unha lectura máis ca interesante.