Valentín Paz-Andrade, a memoria do século XX
Biblos, Cesuras-A Coruña, 472 páxinas, 21,95 €
No ano 1988, poucos meses despois de que falecera Valentín Paz-Andrade, Tucho Calvo publicou un groso volume resultado de longas sesións de conversa que mantivera co intelectual e político pontevedrés. Era daquela, coma hoxe, un libro necesario pois permitía acceder a unha auténtica autobiografía, neste caso ordenada coas asisadas preguntas que formulaba o xornalista. Daquela, coma hoxe, eramos moitos os que descoñeciamos o papel fulcral que desempeñara en tantos eidos Paz-Andrade. Para quen isto subscribe, como para tantos outros lectores, foi este libro o que permitiu trazar con garantías as liñas esenciais do seu pensamento, as dimensións do seu labor literario, político e empresarial e os principais socalcos biográficos, algúns deles verdadeiros episodios novelescos que el mesmo protagonizou como son o ingreso no cárcere na ditadura de Primo de Rivera, o “pucheirazo” que o deixou sen acta de deputado en 1931, pero que lle salvou a vida, ou como sobreviviu a un atentado en Vigo un ano despois, entre outros moitos capítulos que van conformando a súa personalidade.
Pasados os anos é unha sorte contar agora cunha reedición daquel volume, especialmente escrupulosa e co particular saibo que o galego empregado por Paz-Andrade exhibía na primeira edición e que aquí, expurgado de grallas, aparece de novo transmitindo o sabor e as particularidades do seu propio idiolecto. Ademais, como edición corrixida, elimínanse algunhas grallas e datos erróneos ou imprecisións que apareceran daquela, a carón dun novo e interesante corpus fotográfico.
A redacción deste libro, no seu día, interrompérase na súa parte final debido ao falecemento de Paz-Andrade. Con todo, recupéranse agora, nunhas páxinas finais que constitúen o seu epílogo, unhas significativas declaracións que atinxen á valoración que fai o entrevistado do ocorrido no primeiros anos da democracia, extraordinariamente críticas coa situación daquel momento e con quen permitiron a desaparición do Partido Galeguista. Estas e outras declaracións amosan o camiño da independencia de pensamento polo que transitou e o inequívoco afastamento, cando non claro rexeitamento, doutros proxectos políticos do post-franquismo.
A enerxía que transmite a fotografía da portada, que plasma visualmente a súa intervención no histórico xantar da Barxa, en xullo de 1930, cun Paz-Andrade en apaixonada actitude oratoria, é tamén fiel reflexo do pulo que depositou en todas e cada unha das tarefas que se propuxo. Este libro ben as transmite e por iso cómpre agradecer a súa renovada presenza: segue a ser insustituíble.
Esta recensión publicouse no suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, baixo o título de “Memoria e conversa”, o 26 de novembro de 2011.