Faces do país, de Carlos López Bernárdez

Carlos López Bernárdez

Faces do país. O retrato en Galicia 1890-1950

Fundación NovaCaixaGalicia, Vigo, 2011, 88 páxinas.

 

Non adoito encargame de recensionar catálogos expositivos mais este que me ocupa coido que o merece por moitas razóns. Unha delas é o carácter inédito da iniciativa e outra, talvez a máis relevante para min, descansa no rigor, solidez e axilidade expresiva que domina a documentada peza ensaística, sobre o retrato en Galicia no período que vai de 1890 a 1950, da man de Carlos L. Bernárdez,  comisario da exposición homónima que ata fins de novembro deste 2011 aínda se pode ver no Centro Social NovaCaixaGalicia de Compostela e, ao longo de decembro e xaneiro de 2012, no espazo que a mesma entidade posúe en Pontevedra.

O discurso sobre a retratística galega deste período acompaña a reprodución, moi coidada como adoita acontecer nestes casos,  dos máis dos retratos expostos e é así como, a través desta confluencia,  somos quen de calibrar neles desde a influencia das vangardas, pasando polo que peneirou ou reorientou a chegada da guerra civil e as súas consecuencias ou esa liña de sentido que o autor denomina “tensión entre realismo e evasión”.

Aquí  pódese consultar unha visión rápida do máis salientable da exposición e esta ligazón contén unha galería dalgúns dos retratos da exposición e mais unhas declaracións orientativas do autor e comisario da mostra. Catálogo e exposición altamente recomendables porque permiten transitar por unha parte substancial da nosa propia identidade.