Gonzalo López Abente
Bretemada (edición de Miro Villar)
Alvarellos, Compostela, 2011, 227 páxinas, 20 €
No Diccionario enciclopédico gallego-castellano de D. Eladio Rodríguez “bretemada” aparece definida como “niebla espesa y rastrera que ensombrece las cosas máis próximas”. Desde agora este será un termo máis familiar e próximo pois con el bautizou
Gonzalo López Abente un monllo de poemas, escritos entre 1917 e 1922, aos que, significativamente, quixo darlles este titulo mediante o cal opera cun intención metonímica de Galicia.

Deulle calor e agarimo a este proxecto para despexar a escuridade e depositou intelixencia e bo saber
Miro Villar no momento de ordenar e editar un libro que se atopaba nos fondos da
Real Academia Galega ata agora, e que ve a luz con primor editorial como adoita facer a editorial
Alvarellos na súa meritoria colección “Rescate”, xunto coa colaboración da
Fundación Gonzalo López Abente. Deste xeito vólvese poñer no primeiro plano de actualidade a López Abente -un sólido escritor por quen ás veces se pasa sen reparar na súa relevancia- e, ademais, faise xustamente pois este libro rescatado supón, sen dúbida, unha das principais achegas que se realizaron ultimamente para exhumar o que ao meu xuízo é un valioso material literario que á forza cómpre entendelo no contexto no que se crea e toma forma como é a época das Irmandades da Fala pois velaí como a través dun cento de poemas agroman as preocupacións e as doutrinas identitarias do nacionalismo daquela xeira: o devezo pola liberdade, a singularidade e beleza da nosa paisaxe ou a férrea defensa da lingua e da tradición.
Non merecería ficar esta publicación dispersa e esquecida entre as últimas novidades. A exhumación destes textos ilumina un anaco da historia literaria de López Abente e, por extensión, da historia literaria e cultural de noso.
Gústame esto:
Gústame Cargando...
Relacionado