Semanas, meses, de Reko e Tina Lundán, no blogue Lerever

Juan Romero, profesor e responsable do interesante blogue Ler e ver, bitácora que sigo acotío e que conxuga información cinematográfica, televisiva e mais literaria, dedica un extenso post a valorar algúns extremos que lle suscita a lectura de Semanas, meses. Extracto abaixo tres fragmentos desta crítica que se pode ler completa aquí. Xaora, beizón pola súa suxestiva e atenta lectura.

 

Estamos ante unha historia dura, máis dura cando coñecemos o final desde que iniciamos a lectura e sobre todo cando sabemos que o que imos ler non é froito da imaxinación dun novelista, senón que é algo completamente real, quizais para algúns lectores demasiado real, e aínda así eu non a deixaría pasar. A súa lectura fixo que durante a mesma e despois de rematala tivera que pensar un pouco nunha serie de cousas, na vida e o seu desenvolvemento, nas persoas, en como queremos que sexa o noso día a día.  (…)

Non hai nada de idílico, de maravilloso, case nada de consolo e case ao final da historia descubrimos algo que fará que a pedra que temos no peito durante a lectura pese aínda máis. O relato é duro por esa credibilidade e realidade, non falo de verosimilitude, senón de realidade, directa e dura. É tremendo ler como ela en máis dun momento está realmente farta da situación, como non pode soportalo máis e o seu maior desexo neste mundo é pasar unha noite tranquila sen ter que atendelo, pero máis tremendo é recoñecer que moitos de nos na súa mesma situación pensaríamos e sentiríamos case o mesmo porque no fondo estamos a falar de seres humanos, non de personaxes de ficción. A través deste relato confrontado veremos o que pensa e sente el ante as cousas que lle pasan, ante os tremendos efectos secundarios de todos os tratamentos que recibe e como tamén aparecerá como un ser egoísta en máis dun momento, máis preocupado polo seu traballo que por outras cousas, cando ese traballo non é máis que unha forma de tentar seguir estando vivo. E logo veremos case o mesmo pero desde a óptica dela, o que pensa e sente ante as mesmas situacións, descubrindo que moitas veces son case puntos de vista e reaccións distintas, pero sempre moi humanas e comprensibles. (…)

Faktoría K achéganos, ademais en galego e castelán, unha novela que posiblemente doutra maneira non chegaría a nós, dunha literatura creo que algo descoñecida e dun país, ademais, no que a lectura é unha actividade moi habitual. A min gustoume a pesar da súa dureza e de que non é unha historia excesivamente optimista. Creo que é unha lectura que deberíamos facer, que pode facernos pensar moito, reflexionar sobre unha serie de aspectos das nosas vidas que igual necesitan un proceso de cambio ou que pode axudarnos a ver moitas cousas con outra perspectiva. Para min recomendable.