1. No anterior breviario subliñaba que un dos focos de atención do vindeiro 2012 simbolizaríao Valentín Paz Andrade e, nesa liña, xa está na rúa a agardada edición do libro de conversas que Tucho Calvo mantivo co polígrafo, galeguista e empresario pontevedrés. Hai apenas uns días no Parlamento de Galicia aprobouse un acordo mediante o que insta á Xunta de Galicia para 2012 sexa “Ano Celso Emilio Ferreiro” por mor do centenario do seu nacemento, como este que conclúe o foi de Álvaro Cunqueiro. Teño para min que as dúas celebracións non se solaparán nin serán excluíntes. Os camiños de ambos os dous escritores, por certo, cruzáronse en diversas ocasións e sempre mantiveron unha cordialidade afectiva, á marxe de matices ideolóxicos; ambos os dous sempre defenderon ese lema de “Galicia como tarefa”, parafraseando o coñecido título do escritor pontevedrés.
2. Falando de Celso Emilio Ferreiro sorpréndeme certa hostilidade, e mesmo virulencia, que suscita non tanto a súa obra literaria, que se defende por si mesma, senón a lembranza da súa figura, trinta anos despois do seu falecemento. Comentarios sementados aquí e acolá como quen non quere a cousa, os máis deles infundados e expostos publicamente sen base documental ningunha difundindo inexactitudes a respecto do seu perfil político, contribúen inequivocamente a intoxicar e desvirtuar o que debería ser, e será, outra posta ao día do seu legado literario e un impulso definitivo á difusión do seu labor creativo, a carón dun coñecemento máis asisado da súa biografía. Numerosas iniciativas xa van dirixíndose nese sentido.
3. O “Breviario” tamén quere falar da oferta literaria para este nadal. Mentres a poesía, o teatro e o ensaio semellan esmorecer cualitativamente aínda que non é difícil achegar propostas substantivas, chegan, porén, libros de Manuel Rivas, Luís Rei Núñez, Xavier Queipo, Antonio Piñeiro, Bieito Iglesias, Antón Riveiro Coello e Diego Ameixeiras, entre outros. Puiden ler, cando isto redacto, algunha destas achegas e teño para min non será doado escoller entre todas elas.
4. Os anos van pasando e a revisión do que supuxo o pulo musical e cultural do Vigo dos anos oitenta, que moitos alentamos na mocidade, se converte xa en eixo temático para senllos libros que tamén se ofrecen este vindeiro Nadal: Vigo a 80 revolucións por minuto de Emilio Alonso e mais a crónica fotográfica de Víctor de las Heras: Vigo a explosión dos 80. Saudades.
5. Non quería tampouco deixar de subliñar as fantásticas novidades que ofrece a nosa literatura infantil e xuvenil, como ese xénero en indiscutible auxe entre nós como é a denominada novela gráfica. Títulos tan precisos hoxe -ou se cadra aínda máis- para avivecer os devezos imaxinativos e o sentido crítico dos nosos pequenos, da nosa mocidade e de nós mesmos.
6. Conclúo lembrando a vindeira cita para o Culturgal que se celebrará en Pontevedra durante os días 2, 3 e 4 de decembro: unha excelente oportunidade para poñernos ao día respecto do que a nosa industria cultural nos ofrece, que é moito e variado.
Este texto foi publicado na sección «Breviario» de Biblos. Clube de Lecturas, nº 53, novembro-decembro de 2011.