Un mundo de mulleres, de Carmen Blanco e Amantes, de María Lado

 

Carmen Blanco

Un mundo de mulleres

Biblos, Cesuras-A Coruña, 96 páxinas, 14 €

 

 

 

 

María Lado

Amantes

Caldeirón, Malpica, 48 páxinas, 10 €

 

Coñecía composicións poéticas dispersas de Carmen Blanco, quen até o de agora realizara salientables  incursións no ámbito do ensaio e mais da narrativa, por iso Un mundo de mulleres constituíu para min unha sorpresa relativa pois, fronteiras xenéricas á parte, este volume non se afasta dos motivos presentes nas súas preocupacións intelectuais e creativas.

         Cun obxectivo depositado tanto na derruba dos sexismos e do odio como de erixir unha homenaxe ao amor, á liberdade e á fraternidade, este volume constitúe un achegamento global, coa forma supeditada ao contido,  á cerna da presenza feminina ao longo da historia até o presente. Neste propósito salienta a visión persoal dunha muller –“estranxeira sabia libre e leal”- que dialoga e se estende desde as instancias da experiencia e a imaxinación para someter o universo da muller a un proceso de literaturización co que consegue recrear a vida, o exemplo e a pegada de mulleres que xorden de moi diversos ámbitos. É así como o lector pode asomarse a un catálogo literario composto polo retrato de mulleres anónimas, daquelas que viviron só na literatura ou as que alimentaron o mundo mitolóxico; tamén hai espazo para aqueloutras que perviven no imaxinario universal, en ocasións relixioso noutras lendario, ou para as que deron un paso adiante na historia simbolizando a insubmisión. Todas elas constrúen unha espiral inesgotable, sólida e simbólica,  aínda en proceso de construcción, protagonizada por renovadas Morganas, Rosalías, Isoldas, Xenebras, Liliths, Celtias, Penélopes e Ariadnas entre moitas outras.

 

AMANTES

        Resiste o premio de poesía erótica “Illas Sisargas”, convocado anualmente polo concello de Malpica e a asociación Caldeirón, o que de seu xa é unha boa noticia. Aínda o é máis atopar editado Amantes, da ceense María Lado, co que gañou a quinta convocatoria do galardón. A autora de casa atlántica, casa cabaret (2002), entre outros poemarios, realiza arestora a súa primeira incursión neste tipo de poesía mais segue a proxectar nela trazos caracterizadores da súa estética como son o de priorizar a comunicación e reparar nas posibilidades literarias e simbólicas que ofrece o mundo do cotián, sen esquecer o uso de distintas voces que dialogan nin a presenza da dimensión sentimental e os pequenos detalles que se proxectan, nesta ocasión, nunha ducia de poemas de forte compoñente narrativo e que resultan ben operativos para desenvolver, illadamente, historias de encontros amorosos ocorridos en diferentes escenarios.

         A proposta de María Lado súmase con dignidade e acerto á xa apreciable nómina de textos gañadores nun orixinal e asentado galardón. Que siga moitos anos máis.

 

Esta recensión conxunta publicouse baixo o título de “De mulleres e amantes” nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 3 de decembro de 2011.