A viaxe de Olaf (tradución de Manuela Rodríguez)
Kalandraka.-Concello de Santiago, Pontevedra, 2011, 48 páxinas, 13 €
Sigo con crecente interese os fallos anuais dos Premio Internacional Compostela de álbums ilustrados pois penso que este xénero é un elemento clave na divulgación da lectura e dos hábitos lectores entre os lectores e as lectoras do mañá, que formula na súa concepción enormes posibilidades creativas e que, neste caso concreto, sempre resulta unha garantía dado o perfil dos compoñentes escollidos para o xurado. Alén diso o galardón foi gañando en resonancia e, nesta quinta convocatoria, é xa un ben moi cobizado como demostra o aumento case exponencial de orixinais presentados ao certame.
Nesta ocasión optouse, ao meu ver, por unha proposta moi efectiva en canto ao discurso literario, se cadra menos arriscada ou vangardista que en anteriores resolucións, mais non por iso menos atractiva e novidosa no que se refire ao tratamento visual que a acompaña. A viaxe de Olaf, de Martín León Barreto, discorre polas fronteiras do relato de inspiración acumulativa e circular no que o protagonista iniciará un percorrido á busca de novos horizontes, acompañándose deste xeito e para este obxectivo de animais que conlevan un evidente peso simbólico, permitindo así outras lecturas e pór en marcha un imaxinativo exercicio complementario ao que de seu nos amosa: cabalos alados, tigres arco da vella, elefantes, paxaros que saben falar e mesmo lucecús… Á sinxeleza expositiva, que non simplicidade, e mais ao meritorio exercicio de esencialización que dominan o relato, cheo de ritmo e de musicalidade na edición galega e debedor en parte do espírito do contos tradicionais, xúntaselles unhas fantásticas e expresivas ilustracións de filiación xeométrica, moi rechamantes pola súa diversidade cromática, convincentes e tan reais que semellan saír do papel. Parabéns, pois, a Martín León polo premio, ao xurado por esta escolla e á editorial que o converte nun fermoso galano, posibilitando así que cada lector, cada lectora, adulto ou non, se transforme nun novo Olaf disposto a viaxar.