Do revés. Poemas para nenos, de Santiago Freire

 

Santiago Freire

Do revés. Poemas para nenos

Edicións Morgante, Cangas do Morrazo, 68 páxinas, 10 €

 

Santiago Freire (Moaña, 1972), editor de profesión, incorporárase xa ao discurso poético galego, especificamente dirixido ao ámbito da poesía infantil, co título Martingadas, igualmente editado o ano pasado en  Edicións Morgante. Arestora volve probar fortuna con Do revés, subtitulado “Poemas para nenos”. Á marxe dalgunhas composicións que serían susceptibles, talvez, de certa reformulación (ao meu ver aquelas nas que a rima esixe un molde no que non é doado moverse) o certo é que non me disgustou en absoluto este poemario. Fundamentalmente resultoume atractivo por desprender un arrecendo fresco, desenfadado, espontáneo e sen grandes pretensións mais que apunta, e velaí un dos seus valores, a desacralizar o feito poético, o que se conta nos poemas e mesmo como se conta, nunha clave lúdica e desprexuizada. Nun tempo no que se lle recoñece a Nicanor Parra a práctica do que el chamou antipoesía -por certo, concepto tamén empregado e adoptado por Celso Emilio Ferreiro, feito no que ningún analista reparou- este poemario segue, como un irmán pequeno, ese ronsel e contribúe a que se asente, se se quer, ese camiño transitado por autores como Carlos Negro, Fran Alonso ou outros.

     Teño para min que as composicións máis afortunadas deste Do revés, son as que se dirixen nesa liña pois Freire semella ter moi ben asumido que para chegar aos nenos, supoño que para as nenas tamén, cómpre como el mesmo di, construír un discurso que non os minusvalore. Para iso non ten reparo en internarse, en ocasións, no universo de referencias que hoxe en día lle poden resultar á infancia máis próximas, axudándose da ironía, por veces do humorismo, da comicidade e mesmo do escatolóxico, que tampouco está reñido coa imaxinación, a emoción e a fantasía e cun aquel optimista que é de agradecer. De todo iso, en diversas doses, hai neste poemario no que non é difícil conxecturar que o recitado dalgúns dos poemas, axudados cun  mínimo apoio de carácter teatral, obterían un resultado probablemente máis que interesante. Parabéns, pois, ao autor por volver tripar por estes camiños non sempre doados da poesía infantil.