Ler para transformar o mundo, discurso de Agustín Fernández Paz na FIL de Guadalajara

Coñezo, a través de Xerais e dun amigo a quen aprecio, a edición do texto que Agustín Fernández Paz leu no discurso previo á entrega do Premio Iberoamericano SM que se lle entregou na FIL de Guadalajara o 29 de novembro de 2011.

Recomendo a lectura desta peza que Manuel Bragado denominou con tino como  “o discurso dos abrazos” pois, sen dúbida, hai moito disto nestas reflexións. Alén dos agradecementos que resultan de regra, o escritor vilalbés transmite limpamente as vivencias dun soño que o conduciron até ese intenso momento da entrega dun galardón que implica un xusto recoñecemento internacional á súa obra. Fernández Paz compón, co coidado dun ourive, inequívocas e valiosas reflexións sobre o oficio de escribir, na realidade unhas concisas e contundentes ideas-eixe sobre a necesidade da lectura e a escritura.

Son moitos os momentos, e mesmo as definicións ou sentenzas, memorables desta pequena alfaia. Cito só o relato da formación lectura dunha persoa que, en expresión afortunada, decidiu un día atravesar o outro lado do espello e contar as súas propias historias; refírome á definición de lectura como “pracer que se contaxia” ou de escribir como “tecer unha tea cos fíos da propia vida” e subliño, por último, a diáfana exposición do que son as claves da súa proposta literaria e a reivindicación tanto das medidas de promoción da lectura como da dignificación da literatura xuvenil e infantil na que Fernández Paz é un motivo de orgullo, como o é da literatura, en maiúsculas, de noso. Nestas páxinas hai máis cousas pero aquí só quería subliñar algunhas e convidar quer á lectura do mesmo (pódese baixar en pdf ao final desta ligazón) quer a escoitalo nesta gravación que recollo vía brétemas. De novo a miña gratitude a Agustín Fernández Paz por estas palabras, outra vez, luminosas.