Arredor de Bretemada, de Gonzalo López Abente

 

Gonzalo López Abente

Bretemada (edición de Miro Villar)

Alvarellos, Compostela, 2011, 227 páxinas, 20 €

 

No ano 1925, as páxinas da revista Céltiga editada en Buenos Aires, acollían unha significativa prosa de Vicente Risco titulada “A velliña vella”. Este texto alegórico, moi reiterado e estudado anos despois, vehiculiza a través dun personaxe o que viría sendo unha metonimia de Galicia pois nel simbólizase  tanto o pensamento político de Risco, por extensión do Grupo Nós naquel momento, como o sentimento de perda da identidade galega e a orfandade dun pobo que esqueceu as súas orixes. Algúns anos antes de ver a luz este texto, Gonzalo López Abente, compañeiro de tarefas e angueiras de Risco, mais tamén de Otero, Castelao, Cuevillas e tantos outros no seo das Irmandades da Fala, deu cun substantivo, como foi “bretemada”, baixo o que quixo artellar, neste caso poeticamente, unha metonimia de Galicia.

         Sería cousa de ficción científico-literaria calibrar qué modificaría tanto a valoración de López Abente na literatura do seu tempo como o seu posto no canon da poesía galega do século XX se o libro que agora se rescata non permanecese inédito nos fondos da Real Academia Galega ata hoxe e vise a luz pouco despois da súa redacción. Con todo, se Xosé Luís Méndez Ferrín, responsable dunhas notas limiares desta edición, apunta que esta publicación constitúe “un acontecemento de altísima importancia” coido que non se debe entender como unha afirmación gratuíta.

         Suscribo esta anterior aseveración, pois non é difícil valorar a relevancia deste libro que nos chega mercé ao labor da Fundación Gonzalo López Abente, da compostelá Alvarellos Editora e, sobre todo, do bo facer como editor literario do profesor e filólogo Miro Villar, que deposita o preciso rigor neste traballo informando do percorrido biográfico do autor muxián, alén de engadir as pertinentes reflexións arredor da xeración literaria á que pertenceu, explorando as claves da súa obra poética publicada e reparando na recepción desta última, ademais de ofrecer atinadas valoracións arredor da obra rescatada.

         Bretemada, así pois, acolle un cento de poemas nos que agroman as principais doutrinas identitarias do nacionalismo galego incipiente daquela xeira que López Abente abrazaba, materializadas poeticamente en asuntos como o devezo pola liberdade e a férrea e rotunda defensa da lingua e da tradición, sen esquecer tampouco a exaltación da singularidade e beleza da nosa paisaxe.

         Non merecería ficar esta publicación dispersa e esquecida entre as últimas novidades editoriais. A exhumación destes textos ilumina un traxecto descoñecido do percorrido literario de Gonzalo López Abente e, por extensión, da historia literaria e cultural de noso. Bretemada pon de relevo o traballo inspirado dun poeta que entendo como un valioso material literario, por fin á disposición de quen desexe achegarse a el.

Esta reseña publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 10 de decembro de 2011, baixo o título de “Rescate dunha voz precisa”.