No estudo bio-bliográfico que preludia a recuperación de Bretemada, de López Abente, o profesor Miro Villar subliña a existencia de certa descualificación crítica respecto da obra do escritor muxián que provén dalgúns dos seus coetáneos galegos mais, significativamente, non así de voces críticas do exterior. Se cadra estes xuízos primeiros, e talvez mediatizados pola sombra do gran Pondal, alicerzados en opinións subxectivas que resultan doadamente rebatibles, afectan xa non só á súa obra poética senón tamén ao que se refire a outros xéneros nos que López Abente se moveu con recorrencia. Este lastre pesou, sen dúbida, na proxección e presenza que a figura de López Abente goza no canon actual, ao que non axudou a celebración dun Día das Letras no afastado 1971, de carácter máis simbólico e resistente que outra cousa. Participo da idea que a súa obra demanda, por estas razóns, unha revisión a fondo e sen prexuízos que recupere unha voz que aboia ata o de agora nunha inxusta terra de ninguén.
A obra poética de Gonzalo López Abente cífrase en seis libros publicados en vida, mais o rescate dunha peza poética realizada no ano 1971, alén dunha antoloxía da que precisamente se responsabilizou Miro Villar no ano 1995 e que constitúe, xunto á amentada recuperación de Bretemada, a única posibilidade accesible para saber do seu quefacer poético. Máis escuro e desasistido é o panorama que atinxe á súa obra narrativa pois esta apunta á existencia doutras seis pezas absolutamente inatopables desde hai bastantes anos. Consólame saber que non ha tardar, en Edicións Xerais, unha vindeira edición das súas catro novelas curtas –O diputado por Beiramar, O novo xuez, Buserana e Fuxidos, alén do texto “O escándalo”- nunha rigorosa edición a cargo do profesor Suso Sambade, que tiven a oportunidade de coñecer. Este traballo volverá proxectar con rigor a López Abente no primeiro plano de actualidade e permitirá abordar esoutra faceta creativa non menor que foi a da prosa. O autor muxián ben merece que se manteña acesa a memoria do seu legado literario.
Este texto publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 10 de decembro de 2011, baixo o título de “Unha obra que demanda unha revisión a fondo”.