Acción titorial, de Mª Teresa Delgado Vázquez

Mª Teresa Delgado Vázquez

Acción titorial nos programas de cualificación profesional inicial

tresctres Editores, Santa Comba-A Coruña, 2011, 179 páxinas

 

Trátase esta dunha publicación ideada para un sector específico como é o universo da docencia, e limita aínda máis o seu obxectivo ao se centrar na denominada acción titoral nun ámbito moi singular como é a súa aplicabilidade na dinámica orientativa e informativa que se debería facer efectiva nos chamados programas de cualificación profesional inicial, isto é, os PCPI na xerga profesoral, que veñen ser grupos con necesidades educativas especiais.

Teño para min que pode ser conveniente dar noticia da súa aparición pois o certo é que o traballo desta profesora do IES Leliadoura de Ribeira, alén de estar substantivamente centrado no propósito arriba amentado, incorpora deste xeito unha acaída e completa programación anual de actividades dispostas ao longo de tres trimestres que ben poden ser aproveitables, mesmo diría que resultan de enorme practicidade, para a praxe titorial xeral do profesorado galego. Unha iniciativa que me satisfago en saudar, tanto pola súa utilidade como pola súa claridade expositiva.