Cunqueiro fronte ao espello

As páxinas culturais de La Voz de Galicia, entre outras colaboracións, acollen hoxe un artigo no que recollo, parcialmente, unha pequena mostra dalgunhas das declaracións que Álvaro Cunqueiro foi espallando en diversos medios sobre si mesmo. Compártoo  aquí:

 

Na faceta máis estritamente biográfica sobre Cunqueiro a achega de Armesto Faginas configúrase aínda hoxe como insustituíble. Con todo, ás opinións que estudosos do seu percorrido vital e ás voces testemuñais daqueles que o trataron, existe un capítulo, non exento de interese, que desvela certas claves da figura cunqueiriana. Tal é o constituído polas respostas que el mesmo ofreceu aos  xornalistas que indagaban arredor do seu perfil máis humano. A este “Cunqueiro por si mesmo”, con todo, cómpre achegarse con certa cautela, tendo ben presente a súa capacidade de fabulación, malia que neste caso teño para min que foi bastante sincero ao se referir ás esferas do máis privativo.

         Malia que, segundo avanzan os anos, o escepticismo respecto da vida vai aumentando, nos anos cincuenta, e recluído en Mondoñedo, Santiago Lamas consegue que se autodefina como “vago, fantástico, cordial”, con longas horas de descanso e con tendencia a deixalo todo para última hora, trazos aos que engadiría os de “carnal, humano e humilde” ao xornalista Pedro Rodríguez. Pouco despois, Segundo Mariño obtería as respostas de que se vía como “supersticioso, perezoso, buen lector y con algo de espíritu profético” e a Tico Medina confésalle que é un home “a quien le gusta la vida, que ve con cierta melancolía como se van los años… Humilde, comunicativo, dialogante… Pero al mismo tiempo solitario.” E, en  efecto, a soidade como elemento definitorio da súa personalidade é un risco apuntado xa nos anos trinta a Filgueira Valverde –“Góstame a soidade”-, entendendo tal apetencia como algo impropio dun  “home feliz”.

         Sobre os conceptos de fabulación e mentira nas relacións humanas faille saber a Mª Dolores Serrano, a finais dos sesenta desde as páxinas de La Gaceta Ilustrada: “Yo no tengo afición a mentir. Pero tengo necesidad de fabular, incluso en mi relación con los otros seres humanos. Me parece que doy mejor por el camino de lo inventado que por el de lo real. Por las mismas razones siento verdadera debilidad por los anacronismos. Tengo necesidad de mezclar”. Mais no ámbito da imaxinación xorde sempre o Cunqueiro máis faiscante ao confesarlle a Francisco Umbral  que “hubiera querido ser cocinera de un ministro. De un ministro gallego del siglo pasado”; ao responderlle a Tomás Santidrián sobre cal sería a pregunta máis odiosa e responder que “siempre puede haber una que lo sea más” ou, finalmente, ao sorprender ao amentado Tico Medina co seu desexo de querer reencarnarse nun cervo dos Ancares para: “poder bajar una de aquellas hermosas mañanas de abril, dónde tendría que ser, naturalmente, hasta las nieblas del río, mordisqueando alguna fresilla silvestre”. Cunqueiro por Cunqueiro: inimitable aínda hoxe, no día que faría cen anos.