haberá Primavera, de Álvaro Cunqueiro e César Morán

 

Álvaro Cunqueiro e César Morán

Haberá primavera.  Catorce poemas. Catorce cancións

Editorial Galaxia, Vigo, 58 páxinas, 29 €

 

Se cadra ningún día mellor ca hoxe para gozar deste libro-cedé que tan requintadamente edita Galaxia para homenaxear a memoria de Cunqueiro. As magníficas imaxes de Seoane que ilustran o volume constitúen un engado situado ao mesmo nivel que o traballo de César Morán, quen interpreta con talento trece poemas do mindoniense e un de colleita propia.

   Os textos musicados e mais os comentarios que estes suscitaron a Morán desvelan con tino e acerto moitas das claves da poesía cunqueiriana. Completa a edición outro cd coa entrevista que Morán lle realizou a Cunqueiro, a derradeira que concedeu, en 1981: un dos diálogos de fondo literario máis brillantes dos coñecidos até agora. Un libro, por todo isto e máis razóns, preciso e insubstituíble.

Esta breve recensión publicouse nas páxinas de “Cultura” de La Voz de Galicia, baixo o título de “As claves da súa poesía” o 22 de decembro de 2011, día do centenario do nacemento de Álvaro Cunqueiro.