Desde os arrabaldos dos soños: o Nadal de Celso Emilio Ferreiro e The Pogues

A literatura e mais a música teñen estas cousas, casoiros un tanto sorprendentes, ou talvez non. Cantou Celso Emilio ao Nadal en varias ocasións, mais eu quedo con “Noiteboa en Harlem”, de Longa noite de pedra, libro que cumpre cincuenta anos este vindeiro 2012, como o seu autor cumpriría cen este vindeiro 4 de xaneiro. O celanovés, cunha inspiración universalista, pensa nunha noiteboa afastada xeograficamente, mais próxima no sentimento e na razón última da celebración. É un canto solidario e de liberdade, dirixido a homes e mulleres, brancos e negros; un canto que xermola nos “arrabaldos dos soños” para os que:

Agardan un albor que esperte á noite / dos lonxanos abós feitos de tebras.

Un albor de anduriñas / prá libertá dos homes que non chega.

Os membros de The Pogues non coñeceron a Celso Emilio Ferreiro, nin leron o seu “Noiteboa en Harlem”, mais non me disgusta a idea de ver algún fío invisible entre eles. Ao seu célebre e irreverente “Fairytale of New York” acáenlle algunhas imaxes que polo poema discorren; acáelle ao espírito inconformista, vitalista, sempre solidario e comprometido do celanovés. Desde os arrabaldos dos soños.