Vítor Vaqueiro
Mitoloxía de Galiza. Lendas, tradicións, maxias, santos e milagres
Editorial Galaxia, Vigo, 576 páxinas, 37 €
A mitoloxía non é, no campo do ensaio, das seccións máis desatendidas, talvez nunca o foi porque de sempre se espertou interese entre os lectores por coñecer as claves do imaxinario mitolóxico, ben vivo na tradición oral mais tamén na tradición literaria a través do tempo. Por iso cómpre saudar con satisfacción este gran traballo documental, expositivo e divulgativo, que vén da man do narrador e investigador vigués Vítor Vaqueiro, quen reformula e amplía considerablemente un ensaio anterior aparecido hai máis de dez anos baixo o título de Guía da Galiza máxica. Nas mudanzas operadas entre un e outro resulta salientable, fóra de actualizar o seu contido á luz das últimas achegas, o da disposición de todo ese material, ofrecido agora a xeito de dicionario e adoptando un rexistro moi fluído para a lectura fragmentaria pois as páxinas desta guía dótanse dun excelente tratamento visual polo que circulan meigas, santos, guerreiros e animais fabulosos, sereas, seres fantásticos e marabillosos, algúns máis populares pero outros moitos pouco coñecidos.
Na concepción de cada entrada aplícase, cando cómpre, un acaído criterio polo cal as referencias á nosa tradición van tamén vinculadas coas doutras culturas próximas ou alleas pero, ademais, a información manexada bebe en fontes non só puramente históricas senón tamén antropolóxicas, etnográficas e culturais. Vaqueiro, así pois, aplica un filtro analítico no que resulta doado advertir un obxectivo perseguido polo autor como é o de se cuestionar os límites entre mitoloxía e relixión, cando menos no sentido de como as crenzas de onte hoxe gozan doutro estatus, isto é, entran no reino da mitoloxía; algo nada
estraño se se pensa que o primeiro cristianismo e, sobre todo, a Igrexa ergueu lugares de culto cristián onde antes se rendía devoción a outros cultos. Mitos, por certo, que tamén se reactualizan, como lle relatou a Vaqueiro a Xesús Fraga aducindo o exemplo do ocorrido en Friol, onde noutrora se despachaban escritos para protexer o gando ou os carros de bois e hoxe seguen a despacharse, mais agora para que o tractor non sufra danos. Sen dúbida unha magnífica oportunidade para coñecer, ou afondar no coñecemento, dunha parte, queirámolo ou non, de nós mesmos.
Este texto publicouse no suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 24 de decembro de 2011, baixo o título de “Para non se perder na nosa mitoloxía”.