Obras breves de imaxinación [Premios de Relatos “Mulleres Progresistas” 2007-2011]
Baía Edicións, A Coruña, 400 páx., 17,21 €
Teñen moita importancia ás publicacións de carácter colectivo aínda que estas adoitan pasar un tanto desapercibidas na dinámica cotiá das novidades literarias, talvez por se diluíren as achegas particulares en aras da concepción global do proxecto. Entendo, con todo, como preciso que se dea o salto cara ao
encontro do lector e se comece a transitar por esoutra experiencia que é a editorial. Nun e noutro sentido asegúrase a continuidade do sistema e facilítase a chegada das sempre necesarias novas voces.
O que agora me ocupa recolle o espírito do antigo premio de novela que a asociación “Mulleres progresistas” de Vigo organizara para alentar a escrita narrativa de mulleres en galego e moito me lembra moito a aquel, xa histórico, Narradoras (Xerais, 2000) que dalgún xeito incentivou -como é recoñecido- a precaria presenza da muller naquela altura na narrativa de noso.
Velaquí, así pois, os relatos galardoados nas súas catro primeiras convocatorias. Estou certo que entre esta nómina de autoras está o presente, e estará tamén o futuro, da nosa prosa pois os traballos de Rosa Mª Llorente, Pilar Ortega, Fátima Peón, Clara do Roxo, Mar Guerra, Josefa E. Mandado, Mª Cristina Pavón, María X. Castelo, Teresa Barberena, Beatriz Lorenzo e Soledad Agra así o testemuñan. Parabéns a todas elas.
Esta reseña publicouse o 24 de decembro de 2011 nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, baixo o título de “Obras breves de imaxinación”.